Senda Verde de Chapela. Imponse a lóxica defendida polo BNG.
PP-PSOE-AER, grandes defensores agora do Proxecto, votaron no seu día en contra do levantamento das vías.
O BNG, sempre defendeu esta proposta para recuperar un espazo para desfrute da veciñanza. Seguiremos traballando polo Tren de Proximidade pola liña que vai ata o Areal.
A recente publicación nos medios de comunicación do Proxecto para esta zona de máis de 1’6 quilómetros, supón un triunfo das teses defendidas polo BNG de Redondela. Estamos falando duns 7.000 m², recuperados para a veciñanza, nun espazo amplamente poboado como o dos arredores da avenida de Vigo. Ademais recupérase calidade de vida para o entorno da antiga vía.
Xa defendemos que a entrada dende Vigo pola Senda Verde, pode converterse nun potencial recurso para sectores como a hostalaría en Chapela.
No seu momento, PP, PSOE e AER, movidos polo oportunismo político, apoiaron unha moción que pretendía que non se levantaran as vías. Malia a presión que neses momentos se exerceu, no BNG, mantivémonos firmes apostando por esta Senda Verde.
Sentímonos enormemente satisfeitos no Bloque Nacionalista Galego de Redondela, que esta proposta finalmente sexa unha realidade nun breve prazo de tempo.