O BNG reclama un Plan Dinamizador para a área arqueolóxica de Monte Penide.
Xoán Carlos González Campo, "o goberno municipal debe abandeirar o acordo entre distintas administración para convertelo en referente de Galiza e Norte de Portugal"
23 xuño 2026 - 08:50
O esquecemento que por parte das administracións públicas sufre a área arqueolóxica de Monte Penide, constitúe un dos focos de atención do Bloque Nacionalista Galego nas últimas semanas. Reclaman que o goberno municipal tome a iniciativa e abandeire un acordo entre administracións que inclúa á Deputación e Xunta de Galiza.
Nas últimas semanas certificouse o desinterese do goberno de Digna Rivas nesta área que alberga xacementos de distintas épocas dende hai máis de 6.000 anos, afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González Campo. Escasa ou mala sinalética, o parque de mámoas está invadido pola vexetación, accesibilidade practicamente nula por falta de mantemento, elementos protectores de petróglifos sen reparar, o Castro de Negros ocupado por antenas de alta tensión e do aeroporto.
Débese facer un traballo de colaboración coas comunidades de montes de Tramañó, Cedeira, Negros e Cabeiro posuidoras deste rico patrimonio, afirma o edil nacionalista. O obxectivo sería desenvolver un Plan Dinamizador para que se poña en valor esta área arqueolóxica aínda con numerosos recursos por desvelar que nos poden aportar información valiosa para coñecer mellor a nosa historia, afirma.
Considera que o goberno municipal tén a responsabilidade de abandeirar esta iniciativa, se o tivera entre as súas prioridades. O goberno de Digna Rivas non está á altura do potencial que atesouramos. Afirma que na área arqueolóxica de Monte Penide, recóllense exemplos da Idade de Pedra, de Bronce e de Ferro. Algo que nos singulariza, puidendo estudar seis mil anos da nosa historia en poucos quilómetros. Afirma que esta área podería converterse en referente galego e do norte de Portugal. Na nosa área xeográfica existe un potencial visitante que quedaría marabillado con este rico patrimonio, remata na súa nota.