Proposta do BNG para conveniar coas gardarías que practican a inmersión lingüística en galego
Xoán Carlos González, "Cómpre impulsar o uso do noso idioma entre a poboación máis cativa"
02 xuño 2026 - 10:16
Nun escrito presentado e dirixido á alcaldesa de Redondela, dende a organización nacionalista demandan que se elabore un protocolo e convenie con aquelas gardarías de 0-6 anos que empregan como lingua vehicular o galego.
Pretendemos que se pase das boas palabras aos feitos, e consideramos a necesidade de que dende o goberno municipal se dean pasos en firme, sinala o voceiro nacionalista Xoán Carlos González Campo. A demanda pasa por crear unha dotación económica para apoiar a aquelas gardarías que se comprometen e actúan de verdade a favor do galego.
Atopámonos ante unha verdadeira emerxencia lingüística na que o noso idioma en poucas xeracións corre o risco de desaparecer, alerta o edil nacionalista.
Neste sentido considera imprescindíbel que nas gardarías do noso concello que practiquen inmersión lingüística en galego convenien e reciban apoio económico municipal.