Satisfacción no BNG polo novo acordo de investidura para Redondela.

bng (2259)
Imponse a vontade popular expresada nas urnas, onde o voto ao nacionalismo representa máis do dezaseis por cen.
Satisfacción no BNG polo novo acordo de investidura para Redondela.
 
O inminente acordo traballado durante dúas semanas entre as comisións negociadoras do BNG e do PSOE foi valorado positivamente dende a organización nacionalista. “O apoio dos nosos tres concelleiros, convértese en fundamental para que a candidata do PSOE sexa investida alcaldesa”, destacan.
Un acordo de investidura que se confirmará o vindeiro sábado 17 de xuño na sesión plenaria, que se desenvolverá ás doce da mañá no Multiúsos da Xunqueira en Redondela. Deste xeito imponse a vontade popular maioritariamente expresada nas urnas o pasado 28 de maio, segundo a cal, tres forzas de “progreso”, superaron en mil trescentos votos á dereita do Partido Popular. Non existe ningunha dúbida de que se impón a lóxica electoral.
Tras unhas negociacións que dende o BNG de Redondela cualifican de discretas, para non contaminar o proceso, chegouse a un acordo na tarde do martes por parte das comisións negociadoras. As propostas que se trasladaron ao Partido Socialista foron aceptadas sen grandes modificacións.
Pola súa banda o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, recorda que a candidatura que encabezou foi a que máis medrou en Redondela, sumando 1.200 votos, e duplicando en porcentaxe ata chegar ao dezaseis por cen. “Somos a forza determinante na política local redondelá nos vindeiros catro anos”, insistiu.
En canto ao alcance do acordado, referiuse o edil nacionalista a cuestións relacionadas co funcionamento do goberno e da corporación local, mellorar en transparencia, e maior axilidade nos Plenos. Entre os quince puntos plantexados, facíase referencia á necesidade de realizar un bo estudo das necesidades laborais en Redondela, en coordinación con sectores afectados (pesqueiro comercio, asociación de empresarios, confraría, sector da artesanía) para trazar unha liña de actuación conxunta. Plantexamos como indispensable a formación en igualdade para todos aqueles empregados e empregadas que traballen para o concello”, salientou.
O acordo de investidura entre o PSOE e o BNG ratificarase na tarde do venres coa sinatura de Digna Rivas e Xoán Carlos González.
 
 
Satisfacción no BNG polo novo acordo de investidura para Redondela.