O BNG de Redondela denuncia o novo atentado ao Patrimonio por parte do PP

dav
"Reposición" de muro na subida a Reboreda.

As obras de mellora que se están a realizar por parte da Xunta de Galiza na estrada PO 250, a escasos 300 metros do casco urbano de Redondela, volven certificar o desinterese do goberno da Xunta polo noso patrimonio popular e etnográfico, coa complicidade do PP local.

O BNG de Redondela denuncia o novo atentado ao Patrimonio por parte do PP

As obras eliminan o balado construído con mampostería ao xeito tradicional; estes balados de tipo tradicional forman tamén parte do noso rico patrimonio cultural, ata o punto de que en cada parroquia se poden distinguir diferentes sistemas construtivos en función da tipoloxía de material, así como da tradición de cada zona. O PP leva anos traballando para eliminar esa riqueza que nos singulariza.

 

Unha nova mostra do desprezo cara ao legado tradicional que mostra o Partido Popular de Redondela pode certificarse no derrubo deste balado da estrada a Reboreda, eliminando a mampostería tradicional. Paralelamente, Javier Bas anuncia con grande fachenda que presentou unha emenda aos orzamentos do Estado para peonalizar o Viaduto a Madrid.

 

Súmase este atentado ao patrimonio ao xa perpetrado a escasos metros, coa Ponte de Pasais, que ademais de ser derrubada en parte, descoñécese o destino da pedra. O Cruceiro e Peto de Ánimas tamén quedaron nunha situación moi precaria.

 

Outro exemplo da falta de sensibilidade do PP de Redondela, con Javier Bas á cabeza, témolo na renovación da Estrada ao Galleiro en Vilar onde, ademais de desviar os fondos orzamentados cun único interese eleitoral, moitos destes balados tradicionais desaparceron, empobrecendo unha vez máis o noso rico legado patrimonial e cultural, mesmo no Camiño Portugués.

 

Aproveitan os Populares para volver amosar sen ningún tipo de complexo a utilización da Xunta de Galiza ao servizo dos intereses do partido: afirman que, iniciadas as obras, suponse que seguindo un Proxecto, se dirixiu ao xefe territorial para realizar modificacións do mesmo. Unha nova versión da manipulación as que o PP someteu e somete sistematicamente as institucións.

 

Dende o Bloque Nacionalista Galego de Redondela, imos seguir traballando para recuperar e dignificar o noso rico Patrimonio Etnográfico e Cultural. A herdanza dun pobo, non debe ser borrada, debe ser posta en valor, e mellorada para que as xeracións futuras poidan comprendela e conservala.

O BNG de Redondela denuncia o novo atentado ao Patrimonio por parte do PP