O BNG demanda a conservación axeitada do Patrimonio vexetal.
“Que as súas raíces non causen tantos danos…” esta foi unha das perlas que o concelleiro de Medio Ambiente cuspiu para xustificar a tala dos Plátanos da Avenida de Redondela, en Chapela. Lonxe de parecer inofensiva, esta frase non deixa de ser un resumo do goberno do Partido Popular en Redondela. Rematar co noso Patrimonio vexetal e cultural é para o goberno de Javier Bas unha pequena incomodidade na súa carreira por converte este noso concello nun espellismo acomplexado das terras do conde Caballero.
Dende os primeiros anos do goberno de PP quedou moi claro que o arborado e os xardíns de Redondela ían pagar moi caro a carta branca coa que se lle concedeu dirixir a política medioambiental do noso concello.
Xa en maio de 2012 o BNG denunciou a eliminación dos Plátanos do aparcamento do campo da Feira de Redondela. Os argumentos por parte do goberno municipal foron os mesmos, “as raíces deterioran o asfalto” deixando ben claro cales eran as preferencias na xestión dos espazos públicos. Piche antes que vexetación.
Este non foi o único caso deste tipo, existen máis barbaridades que foron cometidas contra as nosas árbores. É o caso dos Choupos da histórica Alameda de Redondela, mutilados anos tras ano ata que a pudrición sexa tan intensa que o perigo de caída faga que sexan eliminados de raíz, algo que queren facer dende o principio. Sen embargo, a xa coñecida covardía deste goberno impediu que o fixeran dun tirón, empregando a tortura para convencernos de que a súa corta é necesaria. Agora, a anunciada remodelación da Alameda de Castelao non ten en conta, a priori, a necesidade de reposición e saneo de moitas especies vexetais enfermas e maltratadas pola concellería de Parques e Xardíns.
Noutros casos a obsesión polas podas masivas lévaos a cometer erros como os que suceden ano tras ano no entorno do parque infantil da Alameda. Aquí as insoportables horas de calor que se producen no verán podían ser amortecidas por unhas especies arbóreas, denominadas Plátanos de Sombra, que rodean dito parque se se lles permitise desenrolarse cun crecemento natural, máis a obsesión pola leña non o permitiu.
Eliminar árbores de máis de medio século por outras novas de “menor” mantemento é un despropósito máis ao que nos ten acostumado este goberno. Non só perdemos o valor inmaterial e patrimonial destas especies, senón que teñen un verdadeiro valor económico calculable e que non se tivo en conta. Hai que sumarlle a esta perda o prezo da plantación de novas especies que ademais tardarán un tempo en adaptarse ao lugar.
Todo isto acontece grazas a que se permite gobernar á ignorancia e ao autoodio polo noso País e o noso patrimonio.