Xoán Carlos González denuncia que o goberno de Digna Rivas non utilizou os 80.000€ de emerxencia social

“Soamentes se gastaron 7.000€ para atender as necesidades de familias redondelás que están a sufrir a crise económica”
24 mar. 2025 - 18:27
“Dos oitenta mil euros de que dispón o goberno de Digna Rivas na área de emerxencia social a penas se executaron sete mil durante o ano 2024”, lamentou o voceiro nacionalista Xoán Carlos González. Considera que se trata dunha evidente renuncia do goberno municipal a dar resposta ás urxentes necesidades económicas de moitos veciños e veciñas de Redondela.
A ordenanza está concebida como un recurso municipal para poder atender dun xeito inmediato e rápido ás necesidades de moitas familias que sufren unha grave situación económica. “En Redondela tamén existen familias en risco de exclusión social, e é obriga da administración pública atender prioritariamente a este colectivo”, sinala.
A partida de 80.000€ pretende que se cubran temporalmente necesidades como aluguer, pago de recibos de enerxía eléctrica, calefacción, mobiliario básico, mesmo alimentación, productos de hixiene. , declara Xoán Carlos González. Reivindica o papel solidario dos e das redondelás quen “ exixen que quen detenta o goberno xestione os recursos públicos en interese dos colectivos máis vulnerábeis”. “En emerxencia social, pouco se diferencian dos gobernos de Javier Bas”, sentenciou o voceiro do BNG
Os datos foron extraídos da execución provisional dos gastos e ingresos correspondentes ao ano 2024, certificando o escaso ou nulo interese do goberno do Partido Socialista nesta importante materia. “Que un goberno que se autodenomina progresista deixe sen executar unha partida económica tan importante demostra que se trata de palabras baleiras”
“Instamos a que dende a alcaldía se promoban campañas informativas para que veciños e veciñas saiban que malia as súas necesidades e o abandono doutras administracións como a galega ou a española, o concello dispón de partidas para contrarrestar situacións de extrema gravidade económica ”, remata na súa nota Xoan Carlos González