O Grupo Municipal do BNG de Redondela presentará unha moción no pleno de marzo en contra de Altri

Como xa avanzara o portavoz municipal, Xoán Carlos González, na pasada concentración organizada polo colectivo Arte Lixo do día 16 de marzo, o Grupo Municipal do BNG de Redondela presentará unha moción no pleno de marzo en contra da construcción da macrofactoría de pasta de celulosa de Altri en Palas de Rei.
24 mar. 2025 - 23:04
“A Xunta do PP e mais o gran capital portugués promoven a construción dunha hecatombe ambiental que non só afectará a vila de Palas, mais tamén a toda a contorna do río Ulla e a ría de Arousa”, afirma o portavoz municipal.
Ademais, denuncia que “este proxecto tramitouse con absoluta falta de transparencia e enganos, xa que durante máis de dous anos publicitouse unha factoría circular de fibras téxtiles e finalmente o seu obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa solúbel, destinada preferentemente á exportación”.
O BNG de Redondela instará a que o pleno:
- manifeste o rexeitamento do Concello de Redondela ao macrocomplexo industrial contaminante de Altri;
- exixa ao goberno galego a aprobación dunha alternativa para a dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla;
- demande ao goberno do Estado español que renuncie á subvención con cargo a fondos públicos da instalación da macrocelulosa;
- dea traslado destes acordos ao Ministerio de Transición Ecolóxica do goberno español xunto cos distintos grupos do Parlamento Galego e a Plataforma Ulloa Viva.