O BNG denuncia a xestión partidaria dos consellos parroquiais por parte do goberno municipal

A finais do ano 2024, desde a agrupación local xa se denunciou que a maior parte dos orzamentos participativos dos consellos parroquias quedaron sen gastar.
17 mar. 2025 - 20:29
Desde o ano 2019 non se invisten as partidas correspondentes ao 1 % dos orzamentos municipais, segundo o acordado nos respectivos consellos parroquiais.
Segundo o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, o goberno de Digna Rivas continúa coa mala xestión dos consellos parroquiais e desenvolve un uso partidista dos mesmos, levando adiante proxectos nas parroquias que nunca pasaron previamente polas reunións parroquiais.
“Para nós”, afirma, “os órganos de participación democrática das parroquias son o espazo principal de toma de decisión colectiva para levar adiante os proxectos de mellora das nosas parroquias. Por eles teñen que pasar todas as propostas, así poderán ser analizadas e debatidas polas representantes das asociacións das parroquias”.
Ademais, o voceiro nacionalista denuncia o uso partidista dos consellos parroquiais celebrados neste último mes onde o goberno municipal utilizou a orde do día das reunións para facer propaganda da súa proposta de PXOM.
“Desde o BNG de Redondela témolo claro, a nosa visión de modelo de concello é radicalmente oposta á do goberno municipal de PSOE e AER. Para nós os consellos parroquiais son prioritarios e seguiremos traballando para que sirvan de espazo de encontro para todos os colectivos das parroquias de xeito democrático”, afirma Xoán Carlos González.