Crónica do acto “Sementamos a igualdade”

Enmarcado na campaña do BNG de Redondela polo Día Internacional da Muller Traballadora, o venres pasado a organización nacionalista organizou un acto público para partillar achegas ao feminismo desde diferentes sectores locais.
17 mar. 2025 - 20:19
A mesa redonda estivo composta por referentes redondelás que abordaron temáticas como a mocidade, a loita sindical ou a percepción do feminismo nos institutos desde a perspectiva de xénero.
Iria Custodio, responsábel comarcal de Galiza Nova Vigo, interviu sobre a cuestión desde o punto de vista da mocidade organizada e o traballo realizado para construír unha sociedade libre de patriarcado.
María Xosé García, delegada sindical pola CIG en OP Mobility (antiga Plastic Omnium), falou sobre o traballo sindical desde a área de mulleres da CIG e como se enfoca o traballo feminista nunha fábrica de automoción.
Lucía Pereda, educadora social e axente de igualdade, relatou a súa experiencia no traballo en institutos sobre a percepción do feminismo entre as adolescentes.
Segunda a responsábel local de acción feminista, Verónica Pérez, ponse de manifesto a necesidade de accións feministas en Redondela para combater a vaga reaccionaria no discurso mediático dos últimos tempos. Por iso, di a responsábel de acción feminista, é imprescindíbel o fomento de actos que tenten mudar as tendencias actuais na vila e no país.