O Consello Local do BNG de Redondela afronta unha etapa ilusionante de retos

IMG_20250123_203145
Novo Consello Local do BNG de Redondela.
A militancia do BNG de Redondela vén de elixir as integrantes do seu novo Consello Local mediante o proceso democrático de presentación de candidaturas.
O Consello Local do BNG de Redondela afronta unha etapa ilusionante de retos
Validouse por unanimidade a única lista presentada, encabezada por Jose Rodríguez Gómez, que toma o relevo como responsábel local a Xavier Balsas Barbeira, que segue incorporado na nova candidatura.
 
Esta lista está formada por 10 persoas, garante a paridade das súas integrantes e cobre gran parte da diversidade na sociedade redondelá con persoas con experiencia na militancia política, referentes sindicais e culturais no tecido asociativo e novas incorporación da localidade: Jose Rodríguez Gómez (responsábel local), Iria Custodio Fabre (vicerresponsábel local), Agustín González Campo, Verónica Pérez Rodríguez (acción feminista), Xoán Carlos González Campo (voceiro municipal), María Xosé García, David Couñago Mouriño, Jéssica García Cruz, Xavier Balsas Barbeira e Marta Vázquez Rodríguez. A esta lista engádense o representante que designa Galiza Nova, Lucas Camiño Costoya, e a traballadora do Grupo Municipal, Elsa Quintas Alborés.
 
“Marcámonos un obxectivo claro para este período: incorporar a máis militancia para seguir consolidando consciencia nacional e converternos, así, nunha alternativa real de cara ás eleccións municipais do 2027”, declara o novo responsábel local Jose Rodríguez.
 
Rodríguez pon en valor a unidade e a confianza interna que goza o BNG de Redondela para afrontar unha etapa ilusionante de retos e destaca “a importancia de construír unha alternativa solvente a PP e PSOE para que aquelas persoas que nos apoiaron noutros procesos electorais, tamén nos axuden a chegar á alcaldía de Redondela”.
 
“A mellora da vida de todas as veciñas do concello será o eixo sobre o que traballe este novo Consello Local”, afirma o novo responsábel local, “polo que queremos unir diferentes loitas no nosso traballo: feminismo, LGBT, lingua, cultura, sindicalismo, asociacionismo, ecoloxismo…”.
 
Declara que xa están traballando en diferentes medidas e campañas para a localidade, velando polos dereitos e intereses de todas as veciñas desde a acción do Grupo Municipal nos plenos e co vindeiro 8 de marzo en mente, Día da Muller Traballadora. Ademais, destaca a mocidade redondelá como elemento chave para, da súa man, “conseguir o cambio en Redondela que mellore as condicións de vida de todas as veciñas”, e tendo Galiza Nova, a fronte xuvenil, un peso importante neste período.
 
 
O Consello Local do BNG de Redondela afronta unha etapa ilusionante de retos