O BNG leva o feminicidio ao Pleno de Redondela.
A lacra social que supón actualmente o asasinato continuado de mulleres, e mesmo seus fillos e fillas, a mans das súas parellas ou exparellas, leva ao BNG a presentar esta iniciativa.
Dende a forza nacionalista, volven poñer o acento na gravidade da situación. Non só polo alto número de vítimas directas, senón por aqueloutras que tamén están a sufrir en primeira persoa esta situación como son os seus fillos e fillas. Malia que formalmente existe unha lexislación que protexe ás mulleres vítimas da violencia de xénero, e ás súas familias, as carenzas na inversión por parte do goberno, supoñen unha desprotección real, afirma o voceiro do BNG, Xoán Carlos González.
Para o Partido Popular, quen goberna tanto na Xunta como no Estado, acabar contra a violencia machista non é prioritario. Argumentan esta afirmación referíndose á falla de medios nos xulgados de violencia machista, na falla de seguemento dos acosadores, na falla de medios policiais, e na escasa inversión en políticas a prol da incorporación da muller ao mercado laboral.
Pretenden poñer o acento dende o BNG, na necesidade dunha verdadeira política social que permita acabar con esta deriva de asasinatos. A figura do feminicidio no ordeamento xurídico permitiría que se puidera traballar de xeito máis efectivo contra os agresores, protexendo realmente ás vítimas, consideran.
Ano tras ano, séguense mantendo o número de mulleres asasinadas polas súas parellas e exparellas. Pero tamén fan referencia ás miles que xunto aos seus fillos e fillas, seguen vivindo situacións verdadeiramente insufríbeis, agravadas por mor da crise económica que estamos a padecer.
Para o BNG, convértese nunha prioridade o recoñecemento do feminicidio como delito. Deste xeito abriríase a porta á elaboración do Estatuto de Vítima de Violencia de Xénero. Preténdese non só que haxa un maior rigor nas sentenzas xudiciais, senón tamén que se desenvolvan medidas económicas, psicolóxicas e sociais, destacando a necesidade de mellorar vía prevención.
En pleno século XXI, non pode ser que todos os esforzos dos últimos anos nos leven á situación actual. Mesmo, destacan dende o BNG, que parte da mocidade poida ver como normal novas modalidades de violencia machista.
Para nós poñer en marcha políticas activas que enfronten esta violencia, para rematar xa dunha vez con ela, convértese dende hai anos, nun obxectivo prioritario, esteamos no goberno, esteamos na oposición, aseguran dende o BNG de Redondela.