O BNG pregunta no Parlamento galego polos cortes de subministro eléctrico en Redondela.

O BNG pregunta no Parlamento galego polos cortes de subministro eléctrico en Redondela.

María do Carme Adán Villamarín, deputada do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formula a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita. Desde fai décadas o concello de Redondela, igual que outros moitos concellos do país, sufre a pegada de Unión Fenosa. Os montes do concello están atravesados por numerosas liñas eléctricas, sendo paradigmático o caso da parroquia de Quintela, cruzada por varias de media e alta tensión, ou o caso dun espazo de alto valor arqueolóxico, como o de Monte Penide, onde a instalación das torretas esgazou algúns petróglifos da zona. No casco urbán de Redondela, Cesantes, Chapela, existen numerosas instalacións que na actualidade están mal ubicadas.

A pesar destes prexuízos, a empresa mantén uns cortes de subministro inasumíbeis para os veciños e veciñas. Xa en xullo de 2014 denunciouse un importante corte de subministro que afectou ás parroquias de Saxamonde e Negros, e parte de Quintela, Vilar e Cabeiro. No seu día, o grupo municipal do BNG solicitou información ao goberno municipal sobre os motivos, e dilixenzas tomadas, sen que houbera ningún tipo de resposta. En novembro do mesmo ano, volveu a producirse un novo fallo, afectando neste caso, a unha importante parte do casco urbán de Redondela, Reboreda e Cesantes. Como daquela, a calada foi a resposta do goberno municipal, ante as demandas de explicacións.

No 2015, as cousas parece que van seguir polo mesmo camiño. O domingo 17 de xaneiro, producíronse varios fallos no subministro afectando a vivendas e alumeado público na parroquia de Saxamonde. Restableceuse para as casas, manténdose o público sen luz toda a noite, nos barrios de O Souto e Padrón. Na noite seguinte volveu a producirse un novo corte que afectou durante uns minutos a grande parte de Saxamonde, Quintela, Negros e Cedeira.

Segundo a lexislación actual a continuidade no subministro vén determinada polo número e a duración das interrupcións. As interrupcións poden ser imprevistas ou programadas, para permitir a execución de traballos programados na rede, en cuxo caso os consumidores e consumidoras deben ser informados dos mesmos. A determinación da continuidade do subministro, determinado polas interrupcións do mesmo, baséase en dous parámetros: o tempo de interrupcións e o número de interrupcións. A empresa estará obrigada a que as interrupcións non superen os tres minutos, para o cal debe xestionar diversas compensacións.

Diante disto o Grupo Parlamentar do BNG formula as seguintes preguntas para a súa resposta oral en comisión:

1. Que coñecemento ten o goberno dos continuos cortes de enerxía eléctrica no concello de Redondela?

2. Considera o goberno que a empresa debe establecer medidas compensatorias para diante dos cortes no subministro?

3. Que medidas vai adoptar o goberno para que deixen de producirse cortes de subministro en todo o país?

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2015

Asdo.: Asdo.: María do Carme Adán Villamarín

Deputada do G.P. BNG

090033290

O BNG pregunta no Parlamento galego polos cortes de subministro eléctrico en Redondela.