O BNG presenta enmendas aos orzamentos do estado que afectan directamente a Redondela.
O BNG vén de presentar as súas enmendas aos orzamentos do Estado. Desde a organización local de Redondela presentamos dúas enmendas para atender a dúas reclamacións que, de tan repetidas, xa poden ser consideradas históricas no noso concello:
-Construción dunha rotonda na intersección de N-550 coa estrada provincial en Os Valos, lugar de grande perigosidade para o tráfico, polo que consideramos esta obra de necesidade urxente, máxime tendo en conta que esta mesma reclamación xa a fixemos en anos anteriores sen que o goberno de Madrid a tivese en conta.
-Conversión do tramo AP-9 Rande-Vigo en vía urbana, o cal faría moito máis fácil acadar a gratuidade da peaxe de Rande, xa que se darían todas as condicións para que así sexa.
Esperamos que nesta ocasión o goberno de Mariano Rajoy teña en conta o concello de Redondela e exerza a preocupación especial que asegura ter por Galiza.
Instamos tamén ao alcalde de Redondela a abandonar a propaganda e a demagoxia ás que está habituado e facer un esforzo, contactando co suposto goberno amigo de Madrid e esixindo que estas enmendas sexan tidas en conta nos orzamentos que están a piques de aprobar.