O BNG de Redondela amosa a súa preocupación pola falta do servizo xurídico no CIM
Desde hai máis de dúas semanas o CIM de Redondela fica sen servizos xurídicos, xa que o Concello non conta coa traballadora que viña desempeñando o labor de avogada.
O CIM é das primeiras portas ás que chegan as mulleres que sofren violencias e debe pois, prestar asesoramento psicolóxico e xurídico especializado.
Nun contexto difícil, marcado polos confinamentos domiciliarios onde as vítimas conviven máis tempo cos seus agresores e as consultas ao teléfono de atención as vítimas aumentaron un 35% a resposta institucional debe ser contundente.
As mulleres de Redondela vense expostas ao abandono institucional ao non contar cunha peza chave como é o asesoramento xurídico para tramitar denuncias, ordes de afastamento, primeiros consellos legais...
O BNG de Redondela considera que un servizo tan importante non se pode deixar sen cobertura; desta maneira o Grupo Municipal presentará diversas preguntas á Concellería de Igualdade, para solicitar información sobre cal será a actuación do goberno respecto a esta cuestión.
As mulleres non poden estar abandonadas institucionalmente, polo que desde o BNG de Redondela reclámase a inmediata reposición para que se solvente esta problemática e dar cobertura xurídica as mulleres que o precisen.