O BNG de Redondela chama a apoiar a convocatoria de folga en contra da LOMCE.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga para o xoves 9.
A sindicalista da CIG, Marta Dacosta interveu no acto público organizado polo BNG en Redondela. Dentro da campaña de apoio á folga no ensino do xoves 9, este acto achegou información de primeira man sobre os motivos de dita convocatoria.
Na introdución da charla, o concelleiro, Xoán Carlos González, fixo referencia a unha moción contra a LOMCE, debatida no último Pleno da Corporación. Falou, de que a propia concelleira de ensino, Teresa París, defendera un por un os eixos dunha lei regresiva para o conxunto da cidadanía. Defensa do ensino concertado, presunta mellora da calidade a traveso de reválidas, necesidade de protección do castelán fronte ao galego. Segundo palabras do propio concelleiro, non teñen ningunha dúbida en que o que aplican en un ensino para un novo modelo de sociedade menos igualitaria.
Marta Dacosta, puxo en antecedentes a todos os asistentes, dos motivos que levaron á Plataforma a esta convocatoria de folga. Basicamente trátase da aplicación do sistema neoliberal ao ensino, para conquistar en poucos anos, un novo modelo de sociedade. A dereita máis españolista e regresiva goberna en Madrid en Compostela, aplicando un por un por os seus postulados ideolóxicos.
En primeiro lugar destacouse que esta lei vai conducir a unha elevada porcentaxe do alumnado, a abandonar o sistema educativo. Coa instauración de reválidas, o que se plantexa é que moitos dos mozos e mozas de 15 anos carezan do título de graduado en ESO. Isto vai levar parello a que se entre antes no mercado laboral, en condicións cada vez máis precarias, con menos formación,... unha baza coa que o grande empresariado sempre xogo: a menor formación, menor reivindicación de dereitos laborais.
Ao longo da exposición a sindicalista da CIG, enumerou un por un os eixos nos que se fundamenta a LOMCE: elimina a xestión democrática dos centros; reduce o peso do galego; mantén e aumenta os concertos educativos, mesmo o segregacionista; dálle máis carga á materia de relixión; recupera as reválidas co que a educación de cidadáns, vaise converter en alumn@s que se preparan para superar unha proba.
Destacou Marta Dacosta que este anteproxecto de lei, unificou por vez primeira a todo o o sector educativo, ao opoñerse Federacións de ANPAs, sindicatos do ensino, sindicatos de estudantes, organizacións políticas. Mais tamén se fixo alusión a postura dos sindicatos Comisións e UXT, quen pretenderon manipular á Plataforma, e actuar unicamente co obxectivo de acadar protagonismo.
Recordou que a CIG, organización maioritaria no ensino en Galiza, vén de celebrar máis de 1.500 actos en todo o País para concienciar á sociedade galega, de que esta é unha lei que postula unha volta atrás de máis de corenta anos, co agravante de que agora faise no denominado sistema democrático.
No posterior debate fíxose referencia á mentira sistemática do PP. Non é certo que haxa grandes taxas de fracaso escolar no ensino público. O nivel de fracaso escolar no privado, onde se inflan expedientes, e selecciónase ao alumnado, está ao mesmo nivel que no público polo que parte da argumentación cae polo seu propio peso.
O BNG de Redondela vai manter o pulso desta convocatoria. O luns 6 mantivo un encontro con ANPAs do concello de Redondela, para que se sumaran a esta Folga.