Entrevista a Jessica García, integrante do Consello Nacional do BNG.
Jessica García é unha moza da parroquia de Vilar de Infesta, Redondela. Ten 22 anos e na actualidade está cursando o Grao en lingua e literatura galegas da Universidade de Santiago de Compostela. Dende setembro do pasado ano é responsable da Asemblea Comarcal de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG.
Leva militando desde o ano 2011.Cinco anos despois foi elixida para formar parte do Consello Nacional do BNG na pasada Asemblea Nacional.
Nas pasadas eleccións municipais fuches no nº 2 da lista, como foi para ti esa experiencia?
Asumir con 21 anos a responsabilidade de ir de número dous na lista para o Concello de Redondela é todo un reto. Nun primeiro momento pasas por un estado de inseguridade pola pouca experiencia política en comparación co candidato á alcaldía ou co resto de compañeiras e compañeiros que integraban a lista. Mais foi unha experiencia única na que aprendes moito desde como funciona unha campaña municipal, as dinámicas da política municipal...Ámbitos un pouco diferentes dos que estaba a participar xa que eu viña dun activismo estudantil e xuvenil.
Jessi, ves de ser elixida para formar parte do consello nacional do BNG, como afrontas este reto unha moza tan nova coma ti?
Despois da pasada asemblea nacional pasei a formar parte do Consello Nacional do BNG e realmente é outro reto. Só concibo unha maneira de formar parte do consello nacional de unha organización que é con gañas, forza e ilusión. Teño moitas gañas de aprender de todos os meus compañeiros e compañeiras, máis tamén con gañas de aportar ideas e quizais dar visións diferentes as que se podían estar dando nestes momentos.
A renovación que está dando o nacionalismo quedou clara e patente na pasada asemblea porque non fun a única moza que entrou senón que houbo un relevo claro tanto en caras como en idade.
Ademais, na pasada asemblea nacional asistimos a un recital de democracia interna. Vimos como se presentaron dúas listas e aínda que a segunda obtivo menos apoio que a encabezada por Ana Pontón membros da outra candidatura pasaron a formar parte da executiva nacional e tamén do consello nacional. O BNG é un claro exemplo de asemblearismo e democracia interna, algo incomparábel con calquera organización
Polo que finalmente o consello nacional e a executiva non só integrou a persoas novas en canto a idade e caras senón que tamén incorporou a voces moi diferentes.
Como ves a situación actual do BNG e do nacionalismo galego?
O nacionalismo está pasando por unha crise. Estamos a ver como outras forzas políticas españolistas están confundindo co seu discurso a parte da poboación. Non podemos negar o evidente, máis uns resultados electorais malos non nos poden levar a abandonar. Agora mesmo o bloque está nun proceso de refundación, hai uns días xa se sacou á luz o proceso Adiante. Con este proceso o nacionalismo galego dá un paso adiante, abre un diálogo, dá pasos dos que tanto o nacionalismo como Galiza sairá beneficiada.
Jessi, que pensa unha moza nova e preparada como ti, cando mira como tantas compañeiras e compañeiros, teñen que marchar cara a emigración, como xa fixeran antes os seus pais e avós?
A emigración xuvenil non é unha pantasma da que falamos os nacionalistas. A emigración xuvenil está presente. Tanto eu como o meu entorno coñecemos a moitas persoas que tras un FP, ou unha licenciatura marcha a países principalmente europeos a buscar a vida.
Ante a falta de oportunidades a gran maioría non lle queda máis remedio que coller a maleta como fixeran antes moitos dos nosos antepasados, pero hoxe en día a diferenza de antes, marchamos con titulacións superiores e títulos de idiomas.
A emigración non só son datos en termos demográficos ou económicos senón que conlevan situacións familiares, psicolóxicas complicadas.
A situación de crise económica e as políticas do PP é o que leva a moitos mozos e mozas a emigrar. Prefiren marchar fora que a precariedade laboral, a escravitude,os contratos de formación ata os 34 anos ou as prácticas non remuneradas que é o que nos oferta o goberno do Partido Popular
Cal dirías ti que é a situación política e social de Galiza a día de hoxe?
Galiza está a pasar unha situación difícil no eido económico,social e no político tamén.
Desde hai uns anos temos un presidente da Xunta que non está empregando practicamente os poucos instrumentos de auto goberno que temos desde o parlamento galego.
Nestes últimos catro anos tamén observamos a intrusión de novos grupos. Máis con o noso grupo reducido de parlamentarios comparados con o PSOE ou o PP, e mesmo en comparación con AGE a parlamentaria que desenvolveu máis iniciativas no parlamento foi a compañeira e candidata á Xunta Ana Pontón. Isto demostra unha vez máis que a palabra traballo sempre vai ligada a BNG en calquera dos órganos nos que se atope.
Xa a nivel de mocidade, quen pensas ti que habería que facer en Redondela?
O Partido Popular redondelán, con Javier Bas á cabeza non está prestando a suficiente atención a mocidade que reside no noso concello.
Algo que xa dixemos durante a campaña das municipais é que en Redondela temos unha mocidade que desempeña certas actividades artísticas e culturais que non están sendo apoiadas polo goberno municipal.
Por outro lado, non hai que esquecerse que Javier Bas e o seu equipo pertencen á equipa de Feijoo e Rajoy.
O Partido Popular arruinou os nosos futuros. Neste anos de goberno de Feijoo acadamos unhas taxas de emigración, paro xuvenil e precariedade laboral nunca vistas.
En Redondela, o PP aínda que non ten a maioría si que ten o goberno local, como se explica iso dende o teu punto de vista?
O PP foi a forza mais votada en Redondela, mais non acadou a maioría. Noutros concellos do país o PP tampouco foi a forza máis vota mais si que non acadou a maioría en concellos como Moaña, Cangas,Ponteareas... A diferenza entre estas localidades e Redondela atopámola en que mentres nestes concellos non gobernan, en Redondela Si.
É dicir en Redondela está gobernando grazas a que agrupacións como AER permitiu e permite que isto aconteza.
Ti tamén formas parte do consello local do BNG de Redondela, como está a funcionar a organización a nivel local?
Nestes últimos tempos estiven no Consello local na praza que estaba reservada ao representante de Galiza Nova. Desde a pasada asemblea local na que eliximos a Anxo Lusquiños como reponsábel local pasei a formar parte do consello por lista e na praza de Galiza Nova entrou o compañeiros Brais da parroquia de Chapela que tamén xa formou parte da lista para as municipais con tan só 19 anos.
Con isto quero dicir que o consello local do BNG de Redondela é un espazo no que convive a experiencia de concelleiros e ex-concelleiros con as persoas novas que nos integramos nesta última época.
O consello está formado por 7 persoas elixidas democraticamente polo resto dos compañeiros da asemblea local.