O Goberno de Javier Bas, descoñece o sentido de “recuperación integral da Praia de Cesantes”.

Recuperación natural do areal en 2010.
O Goberno de Javier Bas, descoñece o sentido de “recuperación integral da Praia de Cesantes”.

A transformación da Punta da Praia, veu da man do BNG

Cando no ano 2003, o BNG asumiu as competencias de Medio Ambiente, unha das prioridades das actuacións da concellaría, dirixida por Carlos Pazos, centrouse na Praia de Cesantes. O traballo neste entorno seguiu varias liñas de actuación como reducir o negativo impacto da acción humana, mellorar as condicións do areal e desenvolver actividades e campañas de concienciación cidadá. Os resultados, un cambio radical na situación do propio areal.

Unha das primeiras medidas foi a de retirar, prohibir, e mesmo sancionar a entrada de vehículos no areal. Xestionáronse diversas axudas para a construción de pasarelas, o acondicionamento de duchas. Construíuse o saneamento para eliminar os verquidos…

Coches situados no areal de Cesantes no 2004.

Mediante unha campaña na que participaron numerosos veciños e veciñas de Redondela, procedeuse a unha recuperación do areal na Punta do Cabo. Daquela, plantáronse especies propias destes espazos, construíronse barreiras con medios naturais da zoa e repúxose con area.

A recuperación deste espazo continuou co valado perimetral, e a instalación de paneis,  construíronse varios miradoiros, recuperáronse zoas axardinadas cun mínimo impacto ambiental..

Paseniñamente os veciños e veciñas de Redondela voltaron os seus ollos sobre a Punta da Praia.

As condicións, con todo, seguiron sendo moi precarias. Os distintos aterros que se continuaron a facer en toda a Ría; a situación do propio Peirao de Cesantes; os verquidos de particulares, empresas e depuradoras.

Non se trata aquí de recordar todo o feito neste entorno dende a concellaría de Medio Ambiente daquela nacionalista xa que calquera coñece o antes e o despois.

 

Recuperación natural do areal en 2010.

Con todo a recuperación total da Praia tanto dende o punto de vista medioambiental, como de espazo de uso e disfrute, ou como recurso de explotación económica, tiña por diante numerosos retos. Cumpría continuar na mesma senda, implicar a diferentes administracións.

De feito, no seu momento elaborouse un Estudo da Praia de Cesantes. Tratábase dun informe básico que recollía os eixos sobre os que debería basearse unha Recuperación Integral da Praia.

Neste Estudo facíase un diagnóstico moi acaído da situación da Praia, no que se recollía:

-        A Punta do Cabo crecía cara á Illa.

-        A degradación da Praia certifícase na: ocupación e urbanización da praia; aparición de construcións de baixa calidade; accesos inaxeitados para a calidade e extensión da praia; aparición de limos, algas e leitos degradados; perda de area fina e aparición de croios e pedras coa conseguinte perda de valor da praia.

Salientábase igualmente a necesidade de realizar unha recuperación íntegra de toda a praia, o seu entorno en terra, e da propia enseada.

 

Hoxe en día atopámonos cun panorama desolador. Un goberno municipal insensíbel, no referente á recuperación integral da Praia de Cesantes. Unha Dirección Xeral de Costas, quen, no canto de actuar para preservar os areais, o conxunto da praia e o seu entorno, en convivencia co Concello realiza ou permite realizar unha serie de actuacións no areal, enormemente lesivos.

Doutra banda, un goberno municipal, que na súa política de asfalto, xabre e coches, unicamente valora a rendibilidade electoral.

A construción de balados no propio areal, non son máis que un novo capítulo nesta senda dos despropósitos.

O BNG, xa denunciou no seu día, que a ocupación do areal para a celebración de diversos eventos musicais aumentaba o deterioro do areal. A supresión do servizo de préstamo de bicicletas, unha medida totalmente caprichosa, fomentou o aumento de coches na Punta da Praia. A instalación dunha caseta para un cursiño de monitor/a en actividades náuticas, tamén incidiu neste senso.

 

Na famosa xuntanza á que membros do BNG asistiron coa AA.VV. De Cesantes, o concelleiro Xoán Carlos González, fíxolle saber ao alcalde Javier Bas, que calquera actuación no areal significaba poñer en risco o futuro da praia. Para maior gravidade da cuestión, estamos nun espazo protexido por tratarse dun LIC, Rede Natura 2.000.

O mesmo concelleiro, en referencia ao proxecto do Paseo, manifestoulle ao alcalde, que non ía debater con el, se antes non se levaba ao Consello Parroquial o Proxecto en firme.

Recordóuselle a Javier Bas, que a actuación dende o goberno do BNG, supuxo un cambio radical na situación e concepción do que para Redondela significa a recuperación integral da Punta da Praia.

 

 

O Goberno de Javier Bas, descoñece o sentido de “recuperación integral da Praia de Cesantes”.