O goberno de Javier Bas, non apoia as conclusións da Carta Europea das Linguas.
Causou grande sorpresa, que ante a moción presentada polo BNG, sobre o Informe da situación do galego elaborado dende a Unión Europea, o goberno municipal non a apoiara. A pretensión de que todos os grupos demandaran medidas a prol do idioma, só foi posíbel grazas aos votos de BNG, PSOE e AER.
Sorprendeunos que fora o concelleiro de cultura, Xavier Alonso, quen utilizara argumentos peregrinos, e con moi pouca base, para rexeitar as recomendacións da Unión Europea, sinala o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González. Segundo os nacionalistas tanto o Estado Español, como o goberno galego asinaron a Carta Europea das Linguas Minoritarias. Isto supón un compromiso real para desenvolver medidas en favor do futuro do idioma galego.
Durante a súa argumentación, o concelleiro do BNG prantexou na sesión plenaria, malia o que defendía Xavier Alonso, que o galego somentes é maioritario nas xeracións máis avanzadas. Curiosamente, o ensino é desagaleguizador, afirmou, referíndose ao decreto do plurilingüismo, que baixo a excusa da aprendizaxe dun terceiro idioma, o único que fai é relegar aínda máis o noso idioma.
Novamente o goberno de Javier Bas, actuou seguindo as directrices do Partido Popular: buscar excusas para non apoiar medidas para promocionar e poñer en valor o galego. Unha importante base eleitoral da dereita, amosa unha actitude de rexeitamento para que se favoreza o idioma.
Vivimos nunha situación de diglosia, apuntou Xoán Carlos González. Referíuse non só ao ensino, senón que a propia Xunta de Galiza, asigna o triplo de recursos a un diario que únicamente emprega o español, frente aos dez medios que utilizan únicamente o galego.
A votación final, foi máis sorprendente que das excusas dadas por Xavier Alonso. Ata dúas veces tiveron que votar os membros do PP, xa que non sabían que facer. Finalmente a moción do BNG, saíu adiante, grazas ao apoio de PSOE, e AER.