Mantense a liña de “podas agresivas” do arborado urbán.
Non se evidencia grandes cambios na liña de manter podas enormemente agresivas en arborado urbano en Redondela. Nada, ou case nada mudou respeito o goberno de Javier Bas, renunciando a un tratamento máis respectuoso con árbores que inzan os espazos públicos.
No caso das podas indiscriminadas que se produciron no arborado nas últimas semanas, da que tiñamos a esperanza de que co goberno PSOE/AER mudaran as fórmulas empregadas nos últimos anos, moito hai que falar e explicar. Sorprende que quen tantas clases de ecoloxía e de coidado pola natureza daba no pasado, deixara agora no esquecemento ,nos sabemos se cegados polo poder, ou desbordados por asumir postos que lle veñen grandes a quen no seu momento se autodenominou abandeirado da defensa do medio ambiente na nosa Vila, autorizara tamañas agresións.
O certo é que mutilar as árbores deste xeito, por moi resistentes que sexan non é unha boa práctica para a sanidade do arborado. Referímonos aos plátanos de sombra e aos pradairos da Avda de Mendiño. Si, o arborado baixo o que percorren as nosas e os nosos fill@s todos os días o camiño para ir aos colexios. Imaxinamos que se preguntarán por que lles fan semellante tortura ao noso arborado? O exemplo que lles estamos a transmitir aos cativ@s; que o ser humano é poderoso e que podemos controlar a natureza ao noso capricho. É isto o que nos ensina Tonucci, quen tantas veces foi socorrido por parte de quen cogoberna o concello para dicirnos aos demais como había que facer as cousas? Estaría o mestre de acordo en ter unha Vila sen follas no chan? Estaría satisfeito de que lle ensinemos aos nosos pequenos como manter controlado a todo aquilo que non segue as regras marcadas? Que diría da nosa Vila? Amiga dos nenos?...
Gustaríanos saber cal foi o obxectivo que se buscaba, posto que estes plátanos teñen espazo para medrar, non invaden a estrada, non dificultan visión ningunha, non teñen tendido eléctrico sobre elas e non son perigosas por ser de pouco tamaño e con ramas aínda de pouco grosor. Pola contra, cumprían funcións moi importantes como a sombra en época de calor, de paraventos, ocultan en certo modo a depuradora e ademais suavizan a dureza dunha explanada como a do campo da feira. Ocórrensenos varias respostas, por exemplo, porque se fai sempre así, porque non lle pasa nada, son moi resistentes, porque tiran moita folla e así aforramos traballo, que molestaban as ramas baixas,... en fin, todo un sucedáneo de tópicos que este goberno non se atreve a enfrontar e que polo tanto evidenciamos que os que ían mudalo todo seguen a mantelo todo igual.
E por certo, hai que recoñecer que tanto os técnicos como os xardineiros fixeron unha labor moi correcta e respectuosa, pero eles fan o que lles mandan.
Os feitos están enriba da mesa, tras anos repetindo o BNG que as árbores só deben ser podadas de maneira estudada e só en casos de necesidade, e non de maneira arbitraria e sen criterio a longo prazo, conseguimos que o goberno anterior deixase sen podar os plátanos do parque da Alameda, polo que este verán, por fin a cativada tivo certa sombra para agocharse e soportar o intenso sol que ata as nove da noite os persegue enrabechado. O máis comentado entre os pais e nais, era o atinado que fora non podalos este ano, e, o ben que se estaba. Palpar a rúa de cando en vez non lle viría mal a este goberno de photocall e de postureo.