Mantense a preocupación pola Alternativa á N550 en Redondela
Medio cento de veciñ@s achegáronse á Casa da Cultura de Redondela, para participar no acto público do BNG sobre o novo vial. Tamén se deu conta das novidades do Documento de Alcance emitido dende A Xunta de Galiza.
Anxo Lusquiños expuxo os contidos da suxestión por el asinada como responsábel local do BNG, rexeitando a oportunidade desta proposta, polo seu negativo impacto social, paisaxístico, medioambiental. “Fomos a única organización que rexeitou este vial, vía suxestión dirixida á Xunta e ao Equipo Redactor”, sinalou
Pola súa banda o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, analizou a proposta incluída no borrador do PXOM. Un vial que entraría en túnel dende o Convento de Vilavella, para chegar á altura das vías do AVE en Reboreda, continuar por Eidos, seguindo en paralelo ao trazado do Eixo Atlántico ata A Pantalla.
Na súa intervención referiuse ás últimas novidades recollidas no Documento de Alcance emitido dende a Xunta de Galiza, xunto a informes do propio Ministerio de Fomento, onde se advirte que o Concello non ten competenzas para trazar un novo vial de ámbito estatal. Segundo manifestou, “malia que se condiciona o que se pode incluír no borrador, entendemos que se mantén a porta aberta de chegar a unha negociación para que esta obra se leve adiante”.
“Preocupación e desinformación”, foron as principais demandas que dende os e as asistentes se plantexou na xuntanza organizada polo BNG. A construción dun novo vial que circunvalaría a carón do casco urbano de Redondela, supón motivo de preocupación e alarma entre grande parte da veciñanza. Barrios como Eidos, un dos de maior medre nos últimos anos, veríanse seriamente afectados.
Por parte dos e das asistentes plantexaron diversas dúbidas, ou mesmo que o Concello incumpriu a súa promesa de informar polas parroquias co que verdadeiramente se vai realizar nelas. Relataron encontros co propio alcalde de Redondela, Javier Bas, que lles crearon maior incertidume.
Parte dos veciños e veciñas presentes realizaron suxestións a este vial xa no mes de agosto. Denuncian que ducias de vivendas quedarán afectadas, mananciais alterados, impacto acústico e paisaxístico, deterioro da calidade de vida “dunha estrada que vai meter nesta parte de Redondela 30.000 vehículos diarios”. Plantexouse a necesidade de manter a alerta e mesmo seguir movilizándose constituíndo unha Asociación de Afectad@s, “posto que este vial vai traer moitos prexuízos e ningún beneficio para esta zoa de Redondela”.