MOCIÓN SOBRE SISTEMA FINANCEIRO GALEGO (BANCA PÚBLICA GALEGA, REFERENDO SOBRE O RESCATE, SOLUCIÓN DA
O rescate ao Estado español por valor de 100.000 millóns de euros vai ter un beneficiario -a banca privada, que poderá pagar as súas débedas e sanear os seus balances- e unha vítima ben evidente -as maiorías sociais e os pobos, a comezar por Galiza- que somos os paganos da operación e os que teremos que pagar a factura en forma de novos recortes, máis desemprego e do deterioro da nosa calidade de vida, xa que o rescate contará con condicións que afectarán dramaticamente o benestar social, tal e como aconteceu nos anteriores rescates no ámbito da UE: Grecia, Portugal e Irlanda. Isto é, máis recesión, máis paro e máis desigualdades sociais.
O Goberno español non ten lexitimidade democrática para adoptar a decisión de solicitar o rescate, xa que ninguén o votou para facer iso. É necesaria a democracia e a transparencia. É necesario un debate social moi profundo sobre o rescate e as súas terríbeis consecuencias para as maiorías. O rescate financeiro previsto é unha decisión trascendental para o noso futuro, polo que debe ser a sociedade a que decida a súa conveniencia. É preciso, polo tanto, a convocatoria dun referendo sobre o rescate.
O rescate é duplamente negativo para Galiza porque non só vai castigar as súas maiorías sociais, senón porque destruirá o sistema financeiro galego. A Unión Europea condiciona o rescate a unha nova rolda de fusións no sistema financeiro, que probabelmente se traducirá na absorción de Novagalicia Banco (NGB) por parte de bancos privados de maior dimensión e sen vinculación con Galiza. O BNG sempre defendeu a necesidade dunha banca pública como instrumento imprescindíbel para asegurar o crédito que o tecido produtivo e social precisa. Porén, non podemos avalar un proxecto que suporía a definitiva expatriación do aforro galego depositado en NGB. Mais outra volta, o noso aforro serviría para desenvolver outros territorios. Galiza ficaría sen capacidade de decisión ningunha sobre unha entidade que xestiona o 40% do negocio financeiro do noso país.
Galiza ten dereito a preservar un sistema financeiro propio. Así, demandamos que NGB, se converta nun banco público galego, coa transferencia aos poderes públicos galegos da participación que o FROB ostenta na actualidade no capital de NGB. O impulso a unha banca pública galega é unha ferramenta que permitirá avanzar na soberanía financeira de Galiza, en tanto que dota aos galegos e galegas dun instrumento para orientar os nosos aforros e investimentos.
Ademais, en contra da crenza fomentada por determinados creadores de opinión e do propio Presidente da Xunta de Galiza, Núñez Feijoo, a banca pública é un instrumento plenamente vixente, que existe nunha grande variedade de países, como en 32 países europeos ou nos
Estados Unidos, e vén desempeñando un papel fundamental en favor do desenvolvemento e da estabilidade económica dos mesmos. Da análise das diferentes experiencias de banca pública, constátase o seu impacto positivo sobre a economía e os sectores produtivos. Alí onde existe banca pública existe un forte tecido industrial, mentres que son excepcionais os casos onde existe unha forte presenza do sector industrial sen o apoio dunha banca pública.
O rescate pon ademais en risco os postos de traballo de milleiros de persoas nas entidades financeiras, debido ás condicións impostas para o citado rescate aos bancos do Estado español. Nomeadamente, é necesario demandar do presidente da Xunta que actúe e non tolere máis despedimentos en Novagalicia Banco, que tamén suporían unha merma na atención aos clientes da entidade e a desaparición de múltiples sucursais que atenden sobre todo no mundo rural.
A enorme desfeita que provocou o rescate ten culpábeis con nomes e apelidos. É preciso depurar as súas responsabilidades, e xa que logo, que se constitúan as comisións de investigación que o BNG leva pedido quer no Congreso quer no Parlamento Galego. Trátase dunha estafa xigantesca, que se está levando por diante o traballo e o benestar social de millóns de persoas. Esta estafa debe ser investigada, xulgada e penada polos tribunais de xustiza.
Por último, e ligado tamén ás prácticas fraudulentas do sistema financeiro, miles de clientes galegos de entidades bancarias, aconsellados polos directores das oficinas, investiron os seus aforros en instrumentos financeiros complexos e opacos, nomeadamente en preferentes. En contra do que naquel momento se lles indicou, estes aforradores e aforradoras vense agora na imposibilidade de recuperar os cartos investidos en tanto estes instrumentos non sexan vendidos no mercado de activos financeiros, a un prezo que, caso de haber compradores, será inferior ao seu valor nominal.
Tal é o caso de miles de clientes de NGB que no seu momento adquiriron participacións preferentes, sen que por parte da entidade se cumprise coas obrigas estabelecidas na normativa MIDIF de protección dos consumidores e consumidoras de produtos financeiros, que no caso dos clientes minoristas se concretan na realización de test personalizados de conveniencia e de idoneidade antes da contratación de calquera produto financeiro co fin de asegurar que este responde ás necesidades e ás características do cliente. Así, é preciso demandar das institucións públicas responsábeis unha solución inmediata para as miles de persoas afectadas pola fraude das preferentes, de xeito que lles permita recuperar o 100% do nominal dos títulos subscritos.
Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza a promover a creación dunha banca pública galega, nomeadamente a partires da conversión de NGB nun banco público galego mediante a transferencia aos poderes públicos galegos da participación que o FROB detenta no capital de NGB.
2. Solicitar a celebración dun referendo vinculante sobre o rescate da Unión Europea á banca española.
3. Instar á Xunta de Galiza a promover, no seu ámbito de competencias, e a demandar do Goberno do Estado Español, unha solución inmediata para as miles de persoas afectadas pola fraude das preferentes que lles permita recuperar o 100% do nominal dos títulos subscritos.
4. Demandar da Xunta de Galiza que garanta os postos de traballo en Novagalicia Banco, así como a que asegure unha adecuada atención aos clientes da entidade.
5. Demandar a creación de comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados para que se esclarezan responsabilidades na fraudulenta xestión que propiciou a actual situación das caixas e da banca.
6. Comunicar o presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.