25 de xullo Día da Patria Galega (I)

25 de xullo Día da Patria Galega (I)

Coñecemos os e as nacionalistas da significación dunha data tan relevante no almanaque. Póñense en primeiro plano as reivindicacións nacionais dun pobo, o galego, que aspira a autogobernarse para rexeren o seu futuro.

Sabemos dende o BNG de Redondela, que a nosa actuación, o noso traballo no día a día, debe ter como referente, non as citas electorais, senón a transformación social. Consideramos que cómpre retomar algúns conceptos e algúns contidos básicos do ideario nacionalista. Por iso acordamos realizar unha serie de artigos, que durante este mes Da Patria Galega, poden axudar a clarificar ideas.

Imos empezar por algúns termos que dende o BNG consideramos prioritarios comprender e defender.

-        Autodeterminación. Dereito e práctica política que conducen a unha nación dominada ou colonizada a ser soberana, independente, isto é, contar con organismos de goberno propios para planificar, xestionar e controlar a súa vida económica, cultural e social.

0307832001228500033-bandeira-despregada-na-praza-da-quintana

-        Nación. Castelao é o primeiro que dá ao concepto de nación un carácter revolucionario, baseándose para isto en Stalin. Dicía el que “a nación é un feito, e non unha idea, un ser real e non un ente problemático. Apelarei, en troques, á definición de Stalin, porque a este respecto, é un autor libre de ofuscacións filosóficas”. E definíaa como : “unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflectidos nunha comunidade de cultura”. Castelao remataba referíndose a que apelaba a Stalin, non porque fose comunista “senón porque no problema das nacionalidades (Stalin), abraza con decisión, o ideal patriótico da liberdade”. Ramón López Suevos define dun xeito claro e progresista o concepto de nación nas seguintes palabras: “ Cando a loita popular é unha loita antiimperialista, o povo convértese en nación; no conxunto dos países oprimidos a nación é o conxunto das clases sociais que aturan a opresión do capitalismo imperialista e o “nacionalismo” cambia de sentido, converténdose nunha forma específica de loita de clases nese país”.

castelao1

-        Nacionalismo. Teoría e práctica política daquelas organizacións e partidos que loitan pola soberanía real dunha nación asoballada. No caso das nacións asoballadas o nacionalismo ten sempre unha base eminentemente popular. Cómpre distinguir no concepto así entendido, e o dado aos movementos expansionistas das nacións con estado propio, polo que haberá que falar de fascismo, imperialismo, nazismo. O nacionalismo xorde como movemento ideolóxico na Galiza, coas Irmandades da Fala e posteriormente co Partido Galeguista, ao inicio do s. XX. Os grandes teorizadores e políticos desta etapa, de formación do movemento nacionalista galego son: Antón Vilar Ponte, Castelao, Suárez Picallo, Alexandre Bóveda. De todos eles, quen tivo máis influencia na evolución do pensamento político na Galiza foi Castelao (Sempre en Galiza).

-        Españolismo. Ideoloxía e práctica política de todos aqueles grupos, organizacións e partidos que defenden a estrutura unitaria do estado español, sexan en nome d presuntos dereitistas ou esquerdistas. O españolismo é, na Galiza, expresión da ideoloxía e da práctica imperialista, polo que se opón ao nacionalismo.

10527505_678515005531465_764255278939936333_n

-        Soberanía. Dereito que teñen os pobos a se gobernaren, a seren donos do seu presente e do seu futuro, para dominaren e dirixiren a vida económica, política e cultural en función dos seus intereses.

-        Dependencia. Subordinación da vida económica, política e cultural a intereses alleos aos da propia nación que aparecen, entón, sometidos a proxectos que non son autoxeradores dentro dela.

10494806_678103478905951_7237328414853151960_n

25 de xullo Día da Patria Galega (I)