O BNG considera desorbitada a inversión en parques infantís.
O Partido Popular gastou máis de 700.000, durante os catro anos do goberno de Javier Bas.
As obras de renovación do parque infantil da Alameda por preto de 200.000, a licitación en varias parroquias, por algo máis de 162.000 ou unha nova partida da Deputación de 120.000 para Chapela, constitúen os últimos exemplos, dunha inversión moi cuestionada polo BNG..
Dende que Javier Bas asumiu a responsabilidade de gobernar en Redondela, tomou a decisión de cambiar absolutamente todos os parques infantís, sen ningún criterio, afirma o concelleiro, Xoán Carlos González.
Dende a nosa organización, descoñecemos os motivos polos que a inversión supera os 700.000, en tan breve período de tempo. Como é natural, ao concello correspóndelle o mantemento, reparación e reposición daqueles elementos ou xogos, que co paso do tempo, ou o seu uso, vanse deteriorando, mais non compartimos que se decidira cambiar practicamente todos os parques diseminados polo concello.
Explica o X. Carlos, como o único criterio para a renovación absoluta, obedece ás valoracións da concelleira de parques e xardíns. Evidentemente actúa baixo a supervisión do alcalde, Javier Bas, verdadeiro responsábel destas decisións.
No BNG, non temos constancia de que se incumprira normativa algunha, ou existira unha necesidade perentoria e urxente para cambiar todos os parques existentes ata o 2012. Algúns, como o da Alameda, teñen pouco máis de seis anos.
Claramente, trátase dun novo exemplo do carácter populista do goberno de Javier Bas. Exemplifícano co destino que lle pretende dar ás diversas axudas recibidas como no caso da Deputación. Namentres que para a creación de emprego, verdadeira demanda do conxunto da poboación, destinan 80.000, para a renovación do parque infantil da Alameda de Redondela solicitaron preto de 200.000.
Considera Xoán Carlos González, que a inversión en parques infantís debería centrarse en novos espazos de convivencia, como a dotación dunha zoa de lecer nos Eidos no casco urbano, por tratarse dun entorno fortemente poboado, con moitos cativos e cativas, o que evitaría os seus desprazamentos a outros lugares de Redondela