O goberno municipal do Partido Popular pasa da normativa sobre os aterros de Mañó.
No derradeiro dos Consellos Parroquiais de Quintela, Cándido Vilaboa restáballe importancia ao aterramento que se levou a cabo nos últimos meses. Refugallo, restos de obras, piche, baldosas, ou restos de podas, acumulación de terras consentida e fomentada polo goberno municipal.
No mes de novembro o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, facía públicas as irregularidades cometidas nun espazo duns 3.000 metros cadrados a carón do cemiterio municipal de Mañó. Non só se refería á orixe dos materiais depositados, en máis de cinco metros de altura, senón a que mesmo se carecía de proxecto de aterramento.
O propio concelleiro nacionalista expuxo esta situación no Consello Parroquial celebrado en Quintela. As explicacións dadas dende o goberno municipal, non puideron ser máis desalentadoras: pequenos restos de obras o alí acumulado, ou o que deixou algún desaprensivo.
Para Xoán Carlos González, unha mostra máis da insensibilidade medioambiental coa que actúa este goberno.
Tamén lle preocupa ao concelleiro nacionalista, o feito de que non exista ningún proxecto municipal que avale estes aterramentos. Non hai contención de terras, evacuación das augas acumuladas, infiltracións, posibles escorregamentos de terras, etc. Ademais da deixazón de funcións, trátase dunha total irresponsabilidade.
Fai fincapé, o agravio comparativo con veciños e veciñas que teñen que facer unha importante inversión para elaborar proxectos construtivos para facer aterros moito menores, que agora o Concello é o primeiro en incumprir.
Dende o BNG , cualificamos de nefasta a xestión da problemática de aterramentos e refugallos que está a desenvolver o goberno de Javier Bas. Mañó non se pode converter no vertedoiro do goberno municipal, remata Xoán Carlos González.