O BNG cos traballadores e traballadoras do mar.
Por segunda vez en menos de dous meses a eurodeputada Ana Miranda, e o deputado Daniel Rodas, mantiveron un encontro informativo con mariscadoras e mariñeiros de Cesantes. Acompañados pola voceira municipal, Cecilia Pérez, e polo membro do Consello Local, Anxo Lusquiños, informóuselles sobre as últimas novidades emanadas dende a Unión Europea.
Na Casa da Cultura de Redondela, volveu escenificarse a necesidade de que Galiza, por medio do Bloque Nacionalista Galego, debe ter voz propia nas institucións. En defensa dos nosos sectores produtivos, dos traballadores e traballadoras, e do dereito a viviren con dignidade do noso traballo na nosa terra, cómpre unha presenza activa da forza nacionalista, alí onde se toman decisións trascendentais para o noso País.
Tanto Cecilia Pérez como Anxo Lusquiños, salientaron o compromiso adquirido polo BNG, de actuar para levantar a prohibición da arte do xeito. Destacaron que Redondela, converteuse nun dos concellos que se mantivo na vangarda desta xusta loita dos mariñeiros. Concentración na Lonxa en Cesantes, presentación de moción apoiada por todas as forzas presentes na corporación, viaxe a Bruxelas dun grupo de mariñeiros, foron os feitos máis destacados desta actuación conxunta do colectivo de afectados, e dunha organización política.
Pola súa banda, o deputado Daniel Rodas, centrouse na estratexia perfectamente planificada nos últimos anos dende institucións europeas, para decapitar o sector pesqueiro galego, en todas as súas variantes. Para Europa, a nosa flota, tanto de altura, como de baixura e artesanal estaba sobredimensionada, polo que puxeron en marcha unha política de axudas para o seu desmantelamento, denunciou.
Destacou o deputado nacionalista, a complicidade do goberno da Xunta de Galiza, un goberno submiso, que non cre no País, que se prega aos intereses foráneos e das grandes multinacionais. Hoxe en día, desmantelar un barco, convértese nun auténtico drama para Galiza, afirmou.
Pola súa banda na súa intervención a eurodeputada Ana Miranda anunciou a primicia dun informe da propia Comisión Europea, na que se destacaba que grazas ao traballo do BNG, e ás explicacións dadas polos mariñeiros trasladados a Bruxelas, mudara a percepción que por parte dos responsábeis comunitarios, se tiña da arte do xeito. Recollíase que o goberno galego non emitira ningún tipo de alegación, en contra das pretensións da UE, actitude que Miranda considerou como un vender ao País por parte de Feijoó.
Destacou como fundamental a loita dos mariñeiros, para evitar que se rematara cunha arte centenaria e respectuosa co medio mariño. Puxo en valor a eurodeputada, como o crer no que se fai, o apostar polo futuro do traballo na nosa terra, en definitiva a nosa autoestima, serviron para que dende un País pequeniño como o noso, se forzara a mudar nin máis nin menos que a proposta da estrutura de goberno máis poderosa de Europa.
Nas intervencións feitas por máis de trinta mariscadoras e mariñeiros, destacouse como a única estratexia da Consellaría, a de meterlle o medo no corpo aos afectados e afectadas, baixo a ameaza de posíbeis represalias. Constatouse unha vez máis, o que o Partido Popular pretende acadar en todas as institucións nas que goberna: unha rede clientelar de súbditos, no canto de cidadáns libres que exercen os seus dereitos. En Redondela, o alcalde, Javier Bas, seguiu esta consigna, non abrindo a boca en todo este proceso. Falouse tamén de outras problemáticas do sector como a mortandade de ameixa e sobre todo de berbercho que desapareceu por completo das prais o que vai supoñer unha importante perda de ingresos a curto e longo prazo. Unha proposta feita por Ana Miranda foi a de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en todas as rías afectadas por este problema, que logo serán presentadas na Consellería do Mar para esixír unha solución, que sen dubida pasa por facer un estudo integral sobre este problema e fornecer ás confrarías afectadas de semente de ameixa e berberecho, para a recuperación dos bancos marisqueiros.
Animou Ana Miranda, a continuar no camiño da reivindicación e da loita na defensa do futuro de postos de traballo do mar, e dun sector produtivo estratéxico para Galiza. Evidenciouse, novamente, como os representantes electos do BNG, están ao servizo do pobo galego.