O BNG demanda a Digna Rivas que cambie o sistema de limpeza das praias.
Nun escrito dirixido á alcaldesa de Redondela, argumentan a necesidade de modificar o modelo implantado durante o verán “vai contra o dereito da veciñanza a desfrutar de espazos públicos de calidade”.
A fórmula elixida polo goberno municipal de Redondela, para enfrontar a limpeza de praias durante a presente campaña de verán, a criterio dos e das nacionalistas, “debe ser modificado polas molestias que á veciñanza lles está a supoñer, no uso e desfrute destes espazos públicos”.
Nun escrito asinado polo voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, expón que “non concordamos os argumentos que se están a verquer dende diversos medios informativos sobre limitar a recollida de algas a varios días da semana, nas praias de Redondela”. Segundo o edil nacionalista que se ben comparte como principio de respecto medioambiental a preservación dos areais sen intervencións humanas, “non se dan as condicións para as praias do noso concello, principalmente de Cesantes”.
Consideran dende o BNG, que a “perda de area” débese maiormente ás diversas obras, e aterramentos que nas últimas décadas se teñen realizado na beiramar da Ría de Vigo, modificando a acción natural das correntes”. Entre estas actuacións resalta os aterros no Estreito de Rande, a estrutura do Peirao , ou os balados construídos no mandato do PP no propio areal de Cesantes. Limitan o negativo impacto da limpeza de algas e plantas mariñas, como a zostera, ante o evidente deterioro dos areais. Apostan no BNG, por manter a limpeza das praias por medios manuais, e non mecánicos “fomentando un maior respecto polo entorno natural”.
Noutra parte do seu escrito, o edil nacionalista refírese a que “o uso e desfrute dos espazos públicos, como no caso dos areais de Redondela, constitúe un dereito da veciñanza”. Alude a que as mesmas familias que colaboraron estoicamente coas restricións motivadas polo COVID-19, moitas delas vivindo en zoas urbanas, non se poden permitir o luxo de adquirir fincas ou piscinas particulares. “Teñen dereito a desfrutar dos areais e que o concello colabore no seu mantemento posto que este é o tipo de lecer máis estendido entre estes veciños e veciñas, na época estival”, sinala o edil nacionalista.
Argumenta que “non pode ser que aqueles que padeceron as maiores restricións, agora tamén vexan limitado o seu dereito ao desfrute destes espazos públicos ao non recollerse diariamente as algas e plantas mariñas. Trátase dunha cuestión de xustiza social”, afirma Xoán Carlos González.
Finalmente no escrito, demanda á alcaldesa, Digna Rivas, que dende o seu goberno “reconsideren a problemática que tanta repercusión está a ter entre os nosos veciños e veciñas modificando a fórmula de limpeza de praias co fin de conxugar recuperación medioambiental e lecer”.