O BNG logra o apoio do Pleno para a eliminación do tendido de alta tensión en Monte Penide.
Na moción defendida polo concelleiro Xoán Carlos González recollíanse dous puntos claramente definidos:
1. Que o alcalde-presidente do Concello de Redondela inicie conversas con representantes da Consellaría de Cultura e coa Consellaría de Industria para que se cre unha partida para o soterramento das liñas aéreas de media e alta tensión na Área Arqueolóxica de Monte Penide-Monte Mirallo.
2. Que o alcalde-presidente do Concello de Redondela inicie conversas cos responsábeis zonais da empresa Gas Natural-Fenosa, para que dita empresa colabore no soterramento das liñas aéreas de media e alta tensión.
Esta iniciativa foi positivamente valorada por todas as forzas políticas con presenza na Corporación.
Para o BNG constitúe un paso adiante nas súas pretensións de que estes tendidos de efecto tan negativo para o entorno de Monte Penide, sexan eliminados. Con este obxectivo presentouse unha emenda aos orzamentos da Xunta, que foron rexeitados polo goberno de Feijóo.
Dende a organización nacionalista recoñecen a valía do importante traballo de catalogación e divulgación que dende asociacións, institucións e comunidades de montes se ten desenvolvido nestes meses.
Segundo expuxo na súa intervención o concelleiro nacionalista, existe unha débeda de Unión Fenosa cos veciños e veciñas de Redondela, e co noso patrimonio cultural, por iso debe conseguirse a implicación da mesma na recuperación de Monte Penide.
Finalmente salientamos o apoio de tódolos grupos políticos a esta moción presentada polo Grupo Municipal do BNG.
Quérese destacar finalmente, que farase un seguimento das conversas iniciadas polo alcalde Javier Bas, con técnicos da Consellaría de Industria e Cultura, para que se acade o obxectivo dunha recuperación integral de Monte Penide-Monte Mirallo.