O BNG presenta unha moción para garantir a enerxía como servizo público.
Recolle a iniciativa da Confederación Intersindical Galega, para permitir o desenvolvemento económico e industrial de Galiza, e a erradicación da pobreza enerxética.
No Pleno Ordinario do mes de setembro, e asinada polo concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, debaterase unha moción a prol de que Galiza, como un dos principais produtores de enerxía eléctrica de Europa, poida saír beneficiada. No corpo expositivo, recóllese que o noso País especializouse na produción enerxética, tanto eléctrica, como a traveso do carbón, da forza do vento, e mesmo da biomasa.
O sector enerxético ten para Galiza un valor estratéxico, polo que representa no seu produto interior bruto e por ser un factor relevante para a produción industrial. A pesares desa importancia, Galiza apenas contou con capacidade para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia.
Ao longo da moción desenvólvese unha análise de cal é situación enerxética no noso País. Por unha banda, como grande produtor enerxético. Por outra, asumindo uns grandes custes sociais e medioambientais. Tamén se fai referencia a que esta situación, non permitiu un desenvolvemento industrial acorde coa produción enerxética, por decisións emanadas por parte do Estado español.
Salientan na exposición de motivos da moción do BNG, que a concreción dunha tarifa máis baixa para Galiza, garantiría o noso desenvolvemento industrial. Destacan como o ciclo produtivo de importantes factorías radicadas no noso País, veríase beneficiado coa instauración dunha tarifa enerxética máis baixa. Deste xeito permitiríase a consolidación de postos de traballo, no presente e no futuro.
Outro dos conceptos nos que se centra a moción, refírese á erradicación da pobreza enerxética. Deste xeito, preténdese que os poderes públicos, asuman os custes que moitas familias non poden afrontar. Recordan que miles de familias atópanse neste umbral, ao ter que destinar o 10% dos seus ingresos para satisfacer as súas necesidades enerxéticas.
A Confederación Intersindical Galega (CIG), está a desenvolver unha Iniciativa Lexislativa Popular para por en marcha unha Lei de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética. O BNG, xa ten expresado o seu apoio a esta proposta, polo que agarda que o resto de forzas políticas apoien a proposta presentada, afirma o Xoán Carlos González.
Tamén se propón que o Concello de Redondela, empregue os recursos que teña ao seu alcance para difundir ditos acordos, e dita ILP.