O BNG considera preocupante o retraso nas obras da estrada de Vilar.
Preto de dous anos pasaron, dende que o Pleno do Concello aprobara unha partida de 200.000, para a sinatura dun Convenio coa Deputación Provincial, para a urbanización da Estrada Guizán Os Valos, ao seu paso por Vilar.
Por parte do BNG, diversos foron os encontros coa AA.VV. De Vilar para estudar o Proxecto. Un Proxecto inicial, que deixaba fóra de urbanización a media ducia de casas, e que unicamente prevía tres lombos para unha estrada que consideraban altamente perigosa.
Coincidimos cos representantes veciñais, en que o prioritario sería adoptar as medidas de seguridade viaria, polo que propuxemos que cando menos, se instalaran sete lombos, no quilómetro e medio que se está a urbanizar, sinalan na súa nota.
Vemos con preocupación, como hai tres meses que as obras están paralizadas. Non hai evidencias de que se remate de xeito inminente, afirma o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González
En escrito presentado no Rexistro Municipal, o concelleiro nacionalista dirixiuse ao alcalde de Redondela, Javier Bas, para saber se xestionara algún tipo de encontro cos responsábeis da Deputación. No mesmo escrito, Xoán Carlos González, quere que se lle informe, no seu caso, das conclusións deste encontro, dos prazos para o remate das obras.
Finalmente na súa nota, valora a organización nacionalista o exercicio de responsabilidade que fai o exconcelleiro de Vías e Obras, sobre as dúbidas que lle ofrece a empresa adxudicataria, malia que sexa agora cando quedou fóra do goberno.