Debate no Pleno sobre a reforma Electoral.
Cecilia Pérez: Coa nosa proposta, o BNG, pretende unha profunda reforma, dotando de maior representación á cidadanía.
Tres foron as mocións que se debateron no Pleno do martes 16, sobre a reforma da Lei Electoral (LOREG): unha do PP, outra do Grupo Socialista, e a presentada pola organización nacionalista.
Lonxe queda xa aquela época na que Javier Bas, e o seu equipo pretendían enganar a veciños e veciñas, de que eles soamente pensaban en Redondela. A política, era un asunto de cousas maiores, de partidos, que se debatía en Compostela ou en Madrid.
Coa defensa a ultranza da proposta do PP, o equipo de goberno deixa ben as claras a quen quere defender.
Cecilia Pérez, voceira nacionalista, argumentou que a proposta do Partido Popular, vai no camiño da perda de dereitos dos e das cidadáns. O único que lle preocupa a esta forza, ante as previsións de perda de respaldo electoral, é manter aos seus alcaldes e alcaldesas.
Tamén destacou a voceira nacionalista, que a actual lei española, castiga a territorios como Galiza, ao basearse na demarcación provincial na elección de deputad@s.
Tres son os piares nos que se asenta a reforma que o BNG pretende,afirmou: maior democratización, instaurar as consultas populares e referendos, e unha regra máis equitativa que a que promulga o actual modelo.
Teresa París, como voceira do equipo de goberno, repetiu a vella canción, que sexa o candidat@ da lista máis votada quen goberne. Sen argumentos para defender a moción, limitouse a lela, tal cal viña de Compostela.
Puxo en valor a persoa de Javier Bas, como necesaria para que Redondela avanzara. Queda claro unha vez máis que o PP, soamente lle interesa o candidato, a carencia de Proxecto para Redondela, é o menos importante.
O Partido Socialista, defendeu a súa moción por medio de Eduardo Reguera. Propúxolle ao BNG, votar por puntos a súa moción.
Alfonso Blanco, concelleiro de AER, sorprendeu argumentando que non ían debater esta moción por tratarse dunha cuestión que se vai decidir fóra de Redondela, non considerando necesario tomar partido.
Cecilia Pérez recordoulle á voceira popular, que co actual modelo beneficia ao partido máis votado, permitindo que o PP goberne no noso concello. A abstención dun voto, asegurou que aquel grupo que sacou máis votos, gobernara. Tan lexítima é esta fórmula, como que exista un acordo entre dúas, tres ou catro forzas. Chegar a acordos, constitúe un verdadeiro exercicio de democracia, se o beneficiado é o conxunto da cidadanía.
Antes da votación Teresa París, concelleira de igualdade, restoulle importancia ao feito de que a moción dos populares non incluíra ao xénero feminino.
A votación de cada unha das mocións deu como resultado:
- Moción do BNG: a favor (2 BNG e 1 AER); en contra (9 PP); abstencións (8 PSOE)
- Moción do PSOE: a favor (8 PSOE, 2 BNG, 1AER); en contra (9 PP).
- Moción do PP: a favor (9 PP); en contra (8 PSOE, 2 BNG, 1 AER).