O BNG afirma que Fomento “non lle vai a tocar á N-555”.

O BNG afirma que Fomento “non lle vai a tocar á N-555”.

Esta é a conclusión que saca o BNG, a tenor das declaracións de membros do goberno de Javier Bas.

 Ante o evidente deterioro desta estrada que cruza catro parroquias de Redondela, o BNG amosa a súa preocupación pola falla de interese do propietario da mesma: o ministerio de Fomento. Segundo o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González, “despois de que se aportaran numerosas iniciativas dende os afectados pola estrada e forzas políticas, e se acordara en sesión plenaria demandar do ministerio unha mellora na seguridade viaria, Fomento segue a ignorar estas peticións”.

Segundo o Grupo Municipal do BNG, existe unha total conivencia do goberno de Javier Bas coas directrices do goberno do Estado. “Pretenden que unicamente dar apoio a unha moción, xustifica toda a súa actuación. Atopámonos nun caso evidente de que o ministerio fai deixazón de funcións e que o goberno consente”.

 

Declaracións do goberno municipal.

Nos últimos meses, diversas declaracións de membros do goberno municipal sobre as iniciativas que o ministerio ia realizar no entorno da estrada que une Redondela co aeroporto, “son clarificadoras”.

Por unha banda, o concelleiro de tráfico e interior, Arturo González afirmou nun Pleno, que segundo estimacións do propio ministerio, farían falla arredor duns 10 millóns de euros, para que a estrada cumprira todas as condicións de seguridade.

Mais o que fai concluír ao BNG que Fomento vai ignorar a necesidade de mellora da estrada, son as declaracións da concelleira Ana Alonso. No último consello parroquial de Cedeira, e en resposta a unha pregunta do representante nacionalista, sobre a existencia de Proxecto para a mellora na N-555, a propia concelleira afirmou que “non existía tal iniciativa, mais que contaban co compromiso do ministerio para arranxala”.

Para a forza nacionalista, confírmase que o ministerio non considera prioritario investir en seguridade viaria, nunha estrada que carece de beiravías, rede semafórica, ou pasos de peóns, salvo no treito que discorre pola zoa de Vilar.

 

O goberno de Javier Bas, “exerceu en todo momento o papel de amortecedor entre a presión veciñal e a inactividade do ministerio. Prantexaron, no seu momento, a construción dunha senda pola marxe do Maceiras, como alternativa peonil á estrada. Unha proposta totalmente irracional, que tiveron que modular”. Tamén recordamos que se trata dunha actuación publicitada hai máis de seis meses, que a día de hoxe aínda carece de dotación orzamentaria.

Finalmente recorda o noso concelleiro nacionalista, o acordo ao que chegou o Pleno de Redondela. Ademais de que Fomento arranxe a estrada pedimos o seu traspaso competencial a outra administración para reducir o movemento de tráfico pesado, e que se reduzan as afeccións ás vivendas.

Cecília Pérez e Xoan Carlos González

O BNG afirma que Fomento “non lle vai a tocar á N-555”.