Doce mil euros para comparsas; cero para Entroido Tradicional.
A recente convocatoria do Concurso de Comparsas para o Entroido 2018, por parte da concellaría de Cultura, vén de confirmar o xa agardado.
Lonxe de que se recuperen manifestacións singulares do Entroido en Redondela, consolídase un modelo importado.
Un dos papeis que debe desenvolver a Cultura, debe ser o de recuperar manifestacións singulares e tradicionais do noso concello. Tradicionalmente este departamento, renunciou a este obxectivo fundamental, investindo inxentes cantidades de diñeiro en manifestacións do entroido, que pouco a pouco foron impoñendo o seu modelo.
A vaga de recuperación e exaltación do Entroido, como manifestación cultural de grande pegada pagá, está coñecendo unha verdadeira eclosión en toda Galiza. Ducias de localidades poñen en valor tradicións, que o franquismo perseguiu, máis que asociacións, .colectivos e algunhas administracións están a recuperar.
En Redondela, existen cando menos, dúas manifestacións xenuínas polas que pagaría a pena apostar. Trátase da Corrida do Galo, e dos Madamas e Galáns de Cabeiro. Nos primeiros, asumirían o papel protagonista os mozos e mozas da parroquias (mantense en Cedeira, Saxamonde), que pasean a un galo engalanado nunha fermosa gaiola feita de paus e xestas. As máis das veces emprega un corno para anunciar o seu paso.
Outra das manifestacións singulares do Entroido, ten como protagonista á parroquia de Cabeiro. As madamas e galáns, desfilan por toda a parroquia representando bailes tradicionais. Hai décadas mesmo se establecían competicións entre os diversos barrios, para comprobar quen eran os mellores danzantes e máis engalanad@s.
Manifestacións e tradicións, pois que cómpre preservar, coa colaboración das Asociacións e o Concello, máis que o goberno de Javier Bas desdeña, máis preocupado en investir doce mil euros no Entroido, ou preto de cen mil no Entroido de Verán, e cero euros no Entroido Tradicional.