Moción do BNG sobre a modificación das condicións de adhesión a SOGAMA.
A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de publicar a Resolución de 15 de decembro, pola que se establecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional de residuos domésticos.
A devandita disposición é consecuencia da subida unilateral do canon satisfeito polos concellos polo tratamento do lixo que se encomenda a SOGAMA, un incremento que tivo contestación por parte de moitos concellos da Galiza, ao ser unha medida unilateral imposta nunha norma orzamentaria sen negociación previa. Para alén disto, o tempo demostrou non seren certas as cifras que se manexaban para argumentar unha suba absolutamente desproporcionada dentro dun sistema que nin tan sequera cumpre os criterios básicos de respecto aos mínimos criterios ambientais que os concellos deben esixir e que a sociedade demanda.
O desenvolvemento da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para 2014, vén a profundizar no talante autoritario amosado polo Goberno galego neste conflito, ao impor agora unilateralmente, en comanda con SOGAMA, as novas condicións de adhesión ao sistema de tratamento de lixo, sen sequera ter comunicado, e moito menos negociado, as novas condicións cos concellos afectados.
Estamos, pois, perante unha actuación desafortunada, que violenta non só o principio de autonomía local, senón a imposición dunhas novas condicións sen ningún tipo de diálogo e acordo coas entidades locais. De feito, nin tan sequera esta modificación se negociou e pactou coa FEGAMP.
As competencias en materia de xestión de residuos municipais, como a propia Resolución recoñece na exposición de motivos, exércense en cooperación coas entidades locais. Xa que logo, ao non tratarse dun servizo cuxa responsabilidade se atribúe a unha única administración, o estabelecemento das condicións para a súa prestación, e das relacións entre os distintos operadores do sistema, teñen que ser previamente consultadas e negociadas.
Neste caso, os concellos tiveron coñecemento polos medios de comunicación e o Diario Oficial de Galiza que, en apenas no prazo de dous meses, teñen que formalizar as novas condicións de adhesión ao sistema de xestión de residuos de SOGAMA. E estas novas condición realízanse baseándose nunha disposición normativa aprobada nunha lei orzamentaria exprés sen que existise un consenso previo mínimo coas entidades locais. Ademais, o novo modelo substitúe os convenios vixentes, que foran consensuados e negociados en cada caso concreto, e incorpora aspectos que inciden na arbitrariedade e persecución, algo intolerábel nun réxime democrático baseado na lealdade e no respecto institucional. Outorga a SOGAMA un papel preponderante á hora de interpretar os contratos e determinar a esixencia das futuras débedas, ao ser o seu requirimento o que habilita a retención dos importes ao Fondo de Cooperación Local. Dese xeito, o propio órgano encargado da xestión do Fondo convértese en simple instrumento recadador de SOGAMA, sen que os concellos poidan acudir a ningún mecanismo de resolución de conflitos no caso de estimaren abusiva a facturación de SOGAMA. Neste caso, ademais, xa se está a anunciar a aplicación de medidas concretas contra determinados concellos que, por fórmulas democráticas e legais, discuten este modelo de adhesión e subas unilaterais, polo que estamos ante unha versión anovada de persecución e caza de bruxas.
En suma, o Goberno galego persiste en identificar a viabilidade do sistema de xestión de residuos coa supervivencia económica de SOGAMA, no canto de estudar alternativas que superen un modelo caduco, tanto pola súa insolvencia económica como ambiental.
Para o BNG, a Xunta debera estar nestes momentos traballando para fomentar alternativas a SOGAMA e colaborar e dialogar neste ámbito. Pola contra, comprobamos como pretenden continuar coas imposicións autocráticas e intentan frustrar as alternativas que neste ámbito puideren xurdir.
Por iso, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal de Redondela a adopción do seguinte:
Acordo
- Interpór recurso contencioso-administrativo contra a Resolución da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de 15 de decembro, pola que se estabelecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional de residuos domésticos solicitando a suspensión cautelar desta entanto non haxa un pronunciamento xudicial firme.
- Instar ao Goberno galego a restaurar o diálogo e o respecto á autonomía local no funcionamento de SOGAMA.
- Instar ao Goberno galego a colaborar economicamente cos concellos da Galiza que pretendan impulsar tratamentos alternativos a SOGAMA e que estean baseados no fomento da reciclaxe fronte á incineración.
Redondela , 22 de decembro de 2014
Cecilia Pérez Orge portavoz do Bloque Nacionalista Galego.