MOCIÓN PARA O MANTEMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

MOCIÓN PARA O MANTEMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

MOCIÓN PARA O MANTEMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O goberno do PP na Xunta de Galiza acaba de publicar o decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. No mesmo estabelécese que o Servizo de Axuda no Fogar é un servizo social comunitario básico de carácter público que debe ser garantido polos concellos. Tamén regula o financiamento do conxunto dos  servizos sociais comunitarios e concretamente no que se refire aos gastos derivados da prestación do Servizo de Axuda no Fogar Básico soamente financiará ás corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes, onde só financiará ao traballador/a social. Deste xeito, a inmensa maioría dos concellos galegos, que son os que contan con menos de 20.000 habitantes, van a ser excluídos das axudas que até o de agora viñan recibindo da administración galega.

As axudas da Xunta aos servizos sociais comunitarios xa foron recortadas os anos 2010 e 2011, especialmente no que se refire ao Servizo de Axuda no Fogar. O Plan de 2011 dispoñía de preto de 24 millóns de euros para as prestacións sociais básicas, servizos sociais comunitarios e plan de desenvolvemento xitano, e o goberno do PP os recortou en 2,4 millóns de euros

Para este ano 2012, o plan concertado quedou na metade, en 12,4 millóns de euros. As partidas do programa de servizos sociais comunitarios foron eliminadas e o plan de desenvolvemento xitano ten unha partida simbólica de pouco máis de 100.000 euros.

O decreto publicado vén a corroborar que o goberno do PP na Xunta de Galiza se desentende por completo dos servizos sociais comunitarios nos concellos de menos de 20.000 habitantes, en especial do Servizo de Axuda no Fogar Básico, o que obrigará no mellor dos casos aos concellos a financiar estes servizos e aos usuarios e usuarias a pagar máis nas súas aportacións como copago, ou no peor dos casos a que os servizos desaparezan e só se manteñan para as persoas dependentes coa prestación asignada no seu Plan Individual de Atención.

O propio decreto estabelece que as Deputacións terán que prestar axuda económica e técnica aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Non obstante, non as obriga con cantidades nin porcentaxes. En cambio obriga aos concellos. a aumentar o 20% para os concellos de menos de 20.000 habitantes, o 25% para os de 20.000 até 60.000 e o 33% para os de 60.000 ou máis habitantes.

Compre salientar que o Servizo de Axuda no Fogar Básico ou de libre concorrencia é ao que teñen que recorrer as persoas con problemas de desestruturación familiar, casos de enfermidade aguda tras alta hospitalaria, persoas en situación de dependencia aínda non valoradas, persoas en situación de dependencia valorada e con dereito pero que non teñen o acceso ao Servizo de Axuda no Fogar ou outra prestación asignada (por estar en lista de espera que hoxe en Galiza supera as 27.000 persoas).

O que se pretende con este decreto é trasladarlle aos concellos unha competencia, facer unha descentralización administrativa, pero sen financiamento, onde a Xunta de Galiza abdica das súas competencias para impoñerlle aos Concellos que poñan a disposición da Xunta as dependencias municipais, asumindo todos os custes, a xestión de todos os sistemas informáticos e as horas de traballo do persoal do Concello, para facerse cargo do Servizo de Axuda no Fogar Básico.

 

 

 

 

A Xunta de Galiza debe asumir as súas competencias e garantir uns servizos sociais comunitarios acorde coas necesidades da poboación. E garantir e xestionar un servizo público básico que debe chegar en igualdade de calidade e dereitos a todos os galegos e galegas independentemente do concello onde vivan, como acontece coa sanidade e co ensino.

Se non se fai así as consecuencias van a ser moi graves. En primeiro lugar para as persoas usuarias do servizo, en segundo lugar para as xa depauperadas arcas municipais e para os traballadores e traballadoras que realizan este servizo xa que perderán o seu emprego, pasando a incrementar a alta taxa de desemprego existente.

O mesmo decreto tamén estabelece unha nova regulación da participación económica das persoas usuarias no custe do Servizo de Axuda no Fogar que incrementa de xeito substancial en case todos os tramos de renda o copago a realizar. Incrementos grandes para as persoas que teñen recoñecidas as prestacións por dependencia e aínda moito maiores para as que sen ter recoñecida as prestación están en grave situación de risco ou vulnerabilidade.

O goberno do PP na Xunta de Galiza ten a obriga de garantir o funcionamento do Sistema Galego de Servizos Sociais e con este decreto lesiona gravemente os dereitos das persoas e pon en grave risco o sistema de servizos sociais.

Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a

a) Manter o financiamento dos gastos derivados da prestación do Servizo de Axuda no Fogar Básico ás corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, así como asegurar un financiamento equivalente ao de anos anteriores aos concellos de máis de 20.000 habitantes.

b) Contribuír economicamente ao mantemento da totalidade dos servizos sociais comunitarios dos concellos.

c) Non incrementar a participación económica das persoas usuarias no custe do Servizo de Axuda no Fogar.

d) Derrogar o decreto e negociar outro no marco da FEGAMP.

 

REDONDELA 19 DE ABRIL DE 2012

MOCIÓN PARA O MANTEMENTO DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR