HAI QUE PARAR OS ABUSOS DA BANCA!
O BNG de Redondela, ante a tremenda agresión que supón a venda de participacións preferentespor parte, entre outros, de Nova Caixa Galicia (agora NCG Banco) e a súa posterior conxelación sen posibilidade nen de recuperar a inversión nen mesmo de cobrar os xuros acordados, non pode ficar á marxe e quere aportar a súa colaboración aos afectados, que, en moitos casos, son persoas traballadoras que investiron grande parte dos seus aforros e que agora se ven en grandes apuros económicos.
Desde o BNG entendemos que é preciso animar á poboación afectada a que se informe e se mobilice, conseguindo de xeito colectivo xuntar a forza suficiente para se enfrontar ao grande capital que, como xa vén demostrando nos últimos anos, non ten ningún escrúpulo en saquear a economía dos menos favorecidos para encher os petos dos máis ricos.
Nesta liña, o BNG está a desenvolver unha campaña de información a nivel nacional, dentro da cal se celebrará, este venres 27 ás 8 da tarde, unha charla na Casa da Cultura de Redondela.
Animamos a que calquera persoa que estea directa ou indirectamente afectada asista a este acto, que contará coa presenza do deputado no Parlamento de Galiza Henrique Viéitez.