Moción para rexeitar a agresión imperialista en Siria e esixir que o estado español non interveña.

O BNG de Redondela di NON Á GUERRA
Moción para rexeitar a agresión imperialista en Siria e esixir que o estado español non interveña.

Nas últimas semanas asistimos ao espectáculo mediático, fomentado polos EEUU e algúns dos seus aliados, que ten como obxectivo preparar a opinión pública internacional para unha inminente agresión imperialista contra Siria, do  mesmo xeito que con anterioridade aconteceu en Irak, en Afganistan ou en tantos outros lugares. As potencias imperialistas veñen alimentando desde hai tempo a guerra contra Siria, organizando e apoiando política, económica e militarmente os chamados 'rebeldes'. Agora que esa estratexia se revela fracasada, preparan a intervención militar directa, unha guerra motivada, como en anteriores ocasións na mesma rexión, por intereses económicos e xeoestratéxicos fundamentalmente dos Estados Unidos e tamén de Israel.

Para iso, máis unha vez asistimos á fabricación dunha gran mentira -sobre supostos que non precisan probar- para xustificar unha intervención militar, unha manipulación que nos lembra o engano masivo á opinión pública internacional que se elaborou para o caso de Irak cunhas supostas armas de destrución masiva que nunca apareceron. Mentres tanto, asistimos xa á perda de vidas humanas e a unha nova vaga de persoas refuxiadas, algo que non podemos máis que lamentar e sobre o que exiximos que se poña o foco desde o primeiro momento.

Para alén de ser reprobábel e inxustificábel, esta nova agresión imperialista é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non pasar polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ter o visto e prace de ningún organismo internacional. Supón, pois, unha actuación unilateral dos EEUU xunto con algúns socios da OTAN, que demostran, máis unha vez,  a súa supremacía e o seu poder para actuaren sen render contas a ninguén. Consolida, ademais, un xeito de actuar á marxe das normas internacionais que rexen desde mediados do século pasado (após a II Guerra Mundial), que despreza os mecanismos creados para evitar agresións ilexítimas que castigan sobre todo á poboación civil. A intervención en Siria consolidaría a impunidade do imperialismo para intervir na rexión e, aínda, para amparar a permanente agresión de Israel aos dereitos do pobo palestiniano.

 

O BNG, reiterando a súa convicción da construción de relacións internacionais baseadas na paz e igualdade, rexeita  a inxerencia que os EEUU e outros países aliados  pretenden realizar en Siria de forma violenta, e a súa teimuda política que atenta contra a soberanía das nacións do mundo.

 

As institucións deben facerse eco destas reflexións ante o anuncio de accións militares. Para alén diso, cómpre impulsar unha concienciación cidadá que rexeite esta nova agresión militar a Siria e apoie o emprego de iniciativas diplomáticas por parte de toda a comunidade internacional no seu conxunto, baixo a cobertura da ONU, para procurar unha solución sen máis violencia a este conflito, que respecte a soberanía de Siria,  preserve os dereitos humanos e evite unha confrontación armada que castigue milleiros de persoas inocentes.

 

Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Redondela a adopción do seguinte

ACORDO

1. O Concello de Redondela rexeita a intervención militar en Siria, impulsada polos EEUU, e a aposta pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos.

2. O traslado a Xunta de Galiza da petición de exixir ao Estado español:

a) Que non interveña, nin de maneira directa nin indirecta mediante subterfuxios, nesta operación militar.

b) Que se opoña formalmente nos foros e organismos internacionais a un ataque militar de EEUU e outros Estados aliados a Siria.

3. O Concello de Redondela apoia institucionalmente os actos convocados para expresar a repulsa social ao ataque militar contra Siria, e fai un chamamento á cidadanía deste concello, e á galega en xeral, para manifestar de maneira masiva e inequívoca nas rúas das vilas e cidades do noso país o rexeitamento a esta nova agresión imperialista.

REDONDELA 4 DE SETEMBRO DE 2013

 

ASDO: CECILIA PEREZ ORGE

 

 

 

SR.ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE REDONDELA

O BNG de Redondela di NON Á GUERRA

Moción para rexeitar a agresión imperialista en Siria e esixir que o estado español non interveña.