Reclamamos maiores cotas de soberanía tamén na produción eléctrica
Carme Adán, deputada do BNG: Reclamamos maiores cotas de soberanía tamén na produción eléctrica.
Xavier Balsas, responsábel local, foi o encargado de presentar o Acto Informativo sobre as Tarifas Eléctricas, organizado polo Bloque Nacionalista Galego. Na charla da deputada Carme Adán, e no posterior debate repasáronse as novidades lexislativas que o Partido Popular pretende impoñer, ademais do enriquecemento das empresas eléctricas coa factura da luz que pagamos os galegos e galegas. Houbo tempo para falar da necesidade de acadar maiores cotas de Soberanía para que a Galiza deixe de abastecer ao resto do Estado sen recibir contraprestacións. Finalmente destacouse que cómpre potenciar as enerxía limpas, e mesmo iniciar un proceso de nacionalización dun ben público e estratéxico, segundo o definiu a deputada nacionalista.
Esta Campaña Informativa desenvolvida polo Bloque Nacionalista Galego, pretende unha vez máis, que o conxunto da cidadanía estea informada de primeira man, sen filtros mediáticos.
Ademais de dar un sucinto repaso aos estratosféricos beneficios das principais eléctricas de todo o Estado, Carme Adán referiuse á obriga de considerar a xeración de electricidade como un ben público e de primeira necesidade. Non pode ser que se triplique o número de familias que non son quen de asumir o recibo eléctrico, ante a impasibidade dos distintos gobernos, insistiu ao longo da súa exposición.
Mais un dos principais eixos da charla da deputada nacionalista centrouse no carácter outorgado dende Madrid á Galiza, como territorio xerador e subministrador de electricidade. Somos excedentarios nun trinta por cen da enerxía que xeramos. Esta situación de vantaxe, que en principio debería favorecernos, tradúcese na realidade en todo o contrario. Unha situación que debería permitir que os galegos e galegas afrontaran custes menores na factura, ou que as empresas puideran ser máis competitivas con menor inversión no consumo eléctrico, non se converte máis que nun novo agravio ao país.
Recordou que coa presenza do BNG no goberno galego, encetouse un ambicioso plan industrializador por medio do Concurso Eólico. O que fixo unha vez máis o PP, na súa estratexia de esgazar calquera resto da xestión nacionalista, foi afogar este concurso en canto Feijóo asumiu a presidencia da Xunta.
Carme Adán referiuse á necesidade de que os poderes públicos retomen a soberanía sobre os propios recursos naturais. A libre competencia entre grandes empresas produtoras de electricidade, non ten servido para a mellora na xestión da electricidade. Cómpre recuperar o discurso de nacionalización dun sector de claro carácter social e de interese estratéxico para Galiza.
No debate final, as diferentes intervencións continuaron nesta liña. Na obriga de que as forzas políticas e os movementos sociais se prantexen a recuperación da soberanía sobre os recursos propios, como neste caso é a auga, o vento ou as ondas marítimas.
A Campaña do BNG sobre a produción eléctrica, ten a súa continuidade, na presentación en todos os concellos de Galiza, de mocións. Estas mocións, ademais de achegar maior información aos cidadáns, aclara a postura das diferentes forzas políticas a respecto dunha temática de marcado carácter social.
Por iniciativa do BNG, Redondela foi un dos primeiros concellos aos que chegou a este tipo de acordo. Ademais de demandar unha tarifa galega, pese ás reticencias de AER, esixiuse que non se corte á luz ás familias en situación de desvantaxe, ademais de que o goberno non suba as tarifas para o ano 2014.
Cecilia Pérez Orge defendía a moción presentada polo seu grupo cualificando de "auténtico escándalo" o oligopolio das eléctricas que lles permiten seguir incrementando as súas ganancias a costa dos consumidores. Explicaba que esta situación é froito dun "modelo enerxético centralizador e privatizado que xoga contra os intereses dos usuarios en xeral e dos galegos en particular, xa que malia ser a nosa comunidade excedentaria en produción eléctrica non recibe ningunha compensación motivo polo que defendía "unha tarifa eléctrica galega".