O BNG de Redondela quere saber o destino da herba artificial do Campo de Santa Mariña.
Hai varias semanas que se rematou a primeira fase das obras do Campo de Fútbol de Santa Mariña. Cunha inversión que roldaba os 400.000 , procedeuse ao cambio completo da superficie do campo de xogo. O campo anexo tamén se dotou de céspede artificial.
Os traballos supuxeron a retirada da superficie que durante máis dunha década serviu de terreo para a práctica do balompé, principalmente polo Clube Deportivo Choco, pero tamén outros clubes de categorías inferiores.
Nun escrito dirixido ao alcalde-presidente do Concello de Redondela, o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González, quixo saber o destino definitivo desta superficie que roldaría os 8.000 metros cadrados en total.
Pretende saber o Grupo Municipal, se foi a empresa concesionaria da obra, ou o propio concello quen se responsabilizou da xestión desta herba. Tamén queren coñecer cales foron os criterios seguidos para o reparto de dito material, entre colectivos, asociacións ou particulares.
En todo caso, consideran dende a organización nacionalista que por tratarse de material pertencente ao concello, e non a ningún particular, deberían darse unha serie de normas, e principalmente publicidade suficiente para que calquera veciño ou veciña puidera adquirir esta herba nas mesmas condicións.
Consideran que o goberno de Javier Bas, debe dar explicacións para coñecer o destino definitivo da herba artificial do campo de Santa Mariña.