Redondela directamente afectada no amarre da flota de cerco.

Redondela directamente afectada no amarre da flota de cerco.

A mobilización de máis de 1.000 mariñeiros ás portas da sede da Xunta, convértense nun episodio máis da crise da flota do cerco galega; amarrada xa dende hai varias semanas. Este paro afecta a 1.500 mariñeiros e 150 embarcacións. As declaracións no seu dia da conselleira do medio mariño, Rosa Quintana, constitúen todo un exemplo de cinismo político, ao afirmar que o paro debíase aos temporais que azoutan o País.

Unha vez máis a Unión Europea toma decisións en contra dun sector produtivo tan importante na Galiza como o da pesca. Tratándose da flota, a galega, que aporta un maior número de mariñeiros, somentes se lle permite pescar o 25% da cota de xarda e xurel. Isto supón un novo mazazo para un sector tradicionalmente castigado pola estratexia dos gobernos europeos.

Un dos argumentos que se utilizou para o reparto da cota, foron os “dereitos históricos”. Dereitos que noutras ocasións, cando pode beneficiar á flota galega, non son tidos en consideración.

No momento en que a xarda chega ás costas galegas, o cupo asignado ao estado español xa foi esgotado por embarcacións cántabras e vascas. Dende ese momento, os barcos galegos perden a capacidade para poder comercializala, co que se ven obrigados a tirar o peixe pola borda

Redondela, un dos concellos máis afectados.

Vinte, das algo máis de trinta embarcacións do cerco amarradas na Ría de Vigo, son propiedade de armadores do noso concello. Esta situación está afectando negativamente ás economías familiares tanto dos patróns como dun importante número de mariñeiros.

Para o BNG cómpre concienciar ao conxunto da veciñanza, de que no caso da “crise da xarda”, trátase dun problema nacional, pero tamén de claro ámbito local.

O BNG de Redondela, respalda totalmente as solicitudes de dimisión do Presidente da Federación Galega de Confrarías e a reprobación da Conselleira do Medio Rural e do Mar, feitas polo sector por non defender os intereses da flota.

Solicitamos un reparto da cota xusto e proporcional ao número de embarcacións e tripulantes. Rexeitamos que se computen as capturas históricas para este reparto, tal e como se acordou en Madrid.

 barcos

O BNG vai desenvolver nas vindeiras semanas, unha activa campaña presentando diversas iniciativas de carácter institucional.  O obxectivo é que a Consellaría e o goberno español exerzan directamente presión sobre o goberno da Unión Europea.

Presentación de mocións nos concellos, preguntas e proposicións no Parlamento Galego e no Congreso.

Por suposto a eurodeputada, Ana Miranda, xa leva varias semanas traballando co sector, serán os eixos sobre os que vai actuar a organización nacionalista.

Mais a presión a pé de rúa, vai volver ser, sen dúbida o principal recurso para que a UE elabore unha nova proposta de reparto de cotas, que lle permitan unha saída digna ao sector.

Redondela directamente afectada no amarre da flota de cerco.