A resposta do goberno municipal, confirma a denuncia do BNG.

A resposta do goberno municipal, confirma a denuncia do BNG.

Segue sen aclararse o reparto da herba artificial de Santa Mariña.

 Segundo o noso concelleiro, Xoán Carlos González, a resposta dada polo goberno de Javier Bas sobre o destino da herba artificial do campo municipal de Santa Mariña “corrobora que se tratou dun proceso pouco transparente, posto que non se fixo público en ningún momento os criterios de reparto dun ben de propiedade municipal”.

As evasivas do goberno municipal atinxen igualmente á deficiencia no peche do campo de fútbol anexo. Confirman a “irresponsabilidade do goberno municipal, por non ter acotado este espazo por onde se moven diariamente un número importante de vehículos particulares, estudantes e mesmo os e as xogadoras de categorías inferiores , advertindo dun perigo evidente”. A denuncia feita pois polo BNG, ten toda a razón de ser.

Un goberno municipal que emprega as mentiras.

Afirmamos que se trata dun goberno que non di a verdade. “No consello parroquial de O Viso de data 8 de marzo de 2012, preguntouse sobre o destino desta herba artificial. O concelleiro de deportes e presidente do Consello, Jesús Crespo informou que a herba estaba en mal estado, e que ou ben se tiraría ou pasaría a ocupar os terreos do campo anexo”.

Unha nova mostra de que coa problemática do arranxo do campo de fútbol de O Viso, estiveron xogando cos veciños,  e co Consello Parroquial.

Utilizar os medios para respostar.

O nerviosismo do goberno de Javier Bas queda patente nas formas que emprega para respostar ao BNG. “Debaixo dunha aparencia de ofrecemento ao diálogo e do discurso de traballar todos por Redondela, amosan un único obxectivo: gobernar sen ter en conta á oposición”.

O Bloque Nacionalista Galego respectou en todo momento as formas. Prantexou unha pregunta por escrito hai máis de dez días, para que fora respostada do mesmo xeito, ou cando menos comunicada directamente. “Empregar os medios de comunicación para facilitar a información que lexitimamente o BNG require; deixa ben claro o talante do equipo de goberno. Non toleran a disidencia, nin respectan á oposición”.

“O BNG resérvase o dereito a acudir aos medios de comunicación cando denuncie irregularidades do goberno de Javier Bas”, segundo afirmacións do concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González. “Ata agora fomos respectuosos e rigorosos cos procedementos, facendo unha oposición que fiscaliza continuamente o labor do goberno municipal. Damos por rematado este respecto polo goberno municipal”, remata o concelleiro do BNG.

 

A resposta do goberno municipal, confirma a denuncia do BNG.