SOBRE A TALA DOS PLÁTANOS NO CAMPO DA RIBEIRA.

SOBRE A TALA DOS PLÁTANOS NO CAMPO DA RIBEIRA.

A esta alturas da película non está de máis recordar que o crecemento das urbes e dos pobos debe ter un equilibrio lóxico entre o solo edificado e as dotacións de espazo verde.   Estas áreas son as que limpan e reciclan o noso aire e que reteñen as partículas de contaminación que nos rodean a cotío, ata nas vilas máis pequenas.

Calquera goberno serio que se prece, debe considerar outros aspectos antes de levar a cabo medidas tan salvaxes, como as tomadas polo goberno municipal de Redondela na tala dos Plátanos do campo da feira. Referímonos a que as árbores nun pobo dan moitas máis cualidades e calidades do que un poida pensar.

A contaminación coa que “convivimos” pode ser visual, acústica, ou de carácter  social, xa que a ausencia de zonas verdes na vida cotiá fai que esta se comporte dunha maneira máis artifical desunindo e reducindo a sociabilidade entre os seus habitantes. Cando a tendencia urbanística actual baséase na incorporación de máis e máis zonas verdes para o gozo dos veciños e veciñas , no noso concello prodúcese este novo ataque á saúde pública coa tala indiscriminada e inxustificada das nosas árbores.

E é así porque as connotacións negativas das cualidades propias dunha especie como o Platanus x hispanica que o goberno municipal lle atribúe non son nin xustificadas nin certas en moitos casos. O plátano de sombra, é unha especie ornamental tipicamente urbana xa que dende hai anos foi empregada en cidades e vilas. Trátase das poucas especies arbóreas que soportan altas doses de contaminación tanto do aire coma no propio terreo ou na auga que reciben as súas raíces. Considerada unha das mellores árbores de sombra que existe, era, pese á súa mala planificación á hora de deseñar a pavimentación do campo da feira, a especie óptima para adaptarse ás duras condicións que neste enclave existían e existen actualmente.

Cando a resposta dunha reordenación do aparcadoiro da Ribeira, pasa polo redeseño do pavimento e substitución por unha superficie de rodadura drenante capaz de soportar a carga de tráfico actual, invírtese a lóxica e elimínanse as nosas árbores a favor de espazos para máis vehículos que non fan máis que favorecer o aumento da contaminación.

Tampouco é válido o argumento do goberno municipal, por sinalar aos Plátanos como responsábeis das alerxias que se producen na nosa vila. A maior parte dos alérxicos sono ás gramíneas e aos ácaros, algo que dada a súa magnitude e cantidade nunca se poderá eliminar. Hai que engadir, sen ánimo de ser alarmista, que case tódalas especies vexetais ornamentais poden causar moitos tipos de alerxias por contacto ou vía respiratoria. E se afondamos na cuestión, son moitos os estudios que indican que o incremento das alerxias ao pole está directamente relacionado coa “occidentalización” das cidades producido por un paulatino afastamento do contacto coa natureza e ao dominio das substancias contaminantes no noso ambiente. A conclusión é que coa tala de Plátanos, dende o goberno do PP,  non nos están a facer ningún favor eliminando estas árbores do noso entorno.

Por último, é de destacar as cualidades de rebrote e cicatrización desta árbore, que a pesar do maltratato ao que foi sometido coas podas severas deste ano e a apertura innecesaria de feridas e focos de infeccións futuras, pódese dicir que o Platanus x hispanica é unha das árbores máis seguras no entorno das cidades e vilas,  pois a súa madeira é resistente e os desgarros producidos por fortes aires son escasos.

Os plátanos da Ribeira foron inxustamente sentenciados a morte polo goberno municipal do PP sen ter recibido un xuízo xusto na nosa vila e non debemos ser por tanto partícipes nin un minuto máis do deterioro do noso entorno.

SOBRE A TALA DOS PLÁTANOS NO CAMPO DA RIBEIRA.