alumeado
UNKNOWN

Nova avaría alumeado público... Desta volta na avenida de Vigo en Chapela.

Por segunda ocasión en menos dunha semana, parte de Chapela viuse afectada por unha avaría no alumeado público. En concreto trátase da avenida de Vigo, unha das principais vías de comunicación da parroquia.

Tal como vén sendo costume, aproximadamente unha vez ao mes, prodúcese unha avaría nesta infraestrutura. Diversas zoas e parroquias do concello de Redondela, teñen sufrido a mesma situación, xa denunciada dende o BNG.

“Nesta ocasión, a cuestión complícase. Estamos a falar do segundo corte de alumeado nunha semana, en Chapela, nunha zoa de intenso tráfico rodado. Ademais, nesta época do ano na que as horas de luz natural redúcense a mínimos anuais, cómpre que a xente que camiña pola rúa, o faga con todas as garantías”, recorda Xoán Carlos González, concelleiro do BNG.

Por medio do seu concelleiro, a organización nacionalista ten presentado numerosos escritos dirixidos ao alcalde de Redondela, para que se dean as preceptivas explicacións. Ata agora, ningunha resposta, ningún comentario,... “Supoñemos que se trata dunha situación de gravidade, que pretenden silenciar. Unha mostra máis da incapacidade na xestión do goberno do PP”, afirma.

Responsabilizan  ao alcalde de Redondela, da falla de  resolución dunha problemática, que afecta  directamente á seguridade viaria tanto de peóns como de condutores. “Semella que isto non é un problema para o goberno de Javier Bas, polo que ignoran os requirimentos do BNG. Esiximos de inmediato a resolución das avarías no alumeado público de Redondela, en aras da seguridade viaria de condutores e peóns”

Ler novas