consellos-parroquiais
UNKNOWN
Un dos planos do proxecto.

Xoán Carlos González afirma que o goberno municipal oculta proxectos aos Consellos Parroquiais.

Refírese en concreto á recuperación do río Alvedosa en Reboreda, que non se levou a este órgano participativo.

Nas últimas semanas estanse celebrando diversos consellos parroquiais, tal como marca a normativa das convocatorias trimestrais. Para o concelleiro, “evidénciase novamente a falla de interese nestes órganos co fin de que se debatan diferentes actuacións de calado nas parroquias”

Refírese en concreto o concelleiro nacionalista á ocultación dun Proxecto de recuperación das marxes do río Alvedosa na parroquia de Reboreda. “O máis lóxico tería sido que se presentara no Consello Parroquial, para que os diferentes colectivos valoraran a actuación, manifestando a súa opinión”, apunta. O concelleiro do BNG refírese á construción dunha senda peonil, cunha inversión de 60.000 euros, e uns 200 metros de lonxitude. Inclúese a construción de muro na beira do río, pechamento con vallas, pavimento con lousa de granito, varandas de aceiro inoxidábel, e mesmo unha rampa para accesibilidade de persoas con mobilidade reducida.

“Tras a negativa xestión da senda polo río Maceiras, no que a obra se realizou sobre o mesmo río, empregando incluso refugallos, temémonos o peor. Pretender que o goberno de Redondela, leve a cabo unha actuación que supostamente será de recuperación medioambiental, segue sendo unha temeridade”, considera o concelleiro do BNG.

Para Xoán Carlos González, tal como ten sucedido noutras ocasións, “o goberno de Javier Bas pontea aos órganos participativos, para presentar proxectos estrela, cun único afán propagandístico”.

Ler novas