Para o BNG a reestruturación de Servizos Sociais, obedece ao capricho do alcalde Javier Bas.

Xoan Carlos González, concelleiro do BNG en Redondela.
Para o BNG a reestruturación de Servizos Sociais, obedece ao capricho do alcalde Javier Bas.

Xoán Carlos González, considera que “trátase do último episodio dun deterioro lento pero continuo dunha área que debe ser a das de maior eficiencia no Concello”.

Os Servizos Sociais de Redondela gozaban de grande sona, recoñecida en grande parte de Galiza, desenvolvéndose proxectos referentes para todo o País. Acadouse un alto grado de satisfacción por parte de todos os veciños e veciñas.

Pola contra, o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, valora moi negativa a xestión feita dende o goberno de Javier Bas, “que non fixo máis que deteriorar continuamente a calidade do servizo”. Este deterioro, apunta o concelleiro nacionalista, afecta incluso á propia dinámica de traballo das profesionais da área.

“Estes días tivo lugar unha profunda reestruturación do organigrama de Servizos Sociais, que obedece máis á vontade da  concelleira, consentida polo alcalde, que a unha necesidade obxectiva”. Refírese en concreto, Xoán Carlos González, ao cambio dunha traballadora social da Unidade de Redondela, que se viu obrigada a pasar á Unidade de Chapela”.

Os cambios afectaron por igual ao persoal administrativo. A administrativa que levaba desenvolvendo funcións no departamento de Servizos Sociais nos últimos anos, foi trasladada a Participación Cidadá. Namentres, que outra administrativa dos servizos xerais pasou para a Unidade de Chapela.

“A pouco máis de dous meses das eleccións levan a cabo unha profunda reestruturación, dunha área tan importante como a de Servizos Sociais. Unha área fundamental, de cara á atención de veciños e veciñas. Consideramos que a decisión de reubicalas, obedece máis a intereses particulares do goberno de Javier Bas, que a unha necesidade obxectiva”, afirma Xoán Carlos González.

Salienta o concelleiro do BNG, que o acoso ao que, dende o equipo de goberno se ten sometido ás traballadoras, “forzou a algunha delas a estar de baixa durante un bo período de tempo. Esta baixa, foi continuada, por unha campaña de desprestixio por parte do alcalde Javier Bas, e da concelleira Teresa París”, afirma o concelleiro nacionalista.

“Ante os continuos retrasos na tramitación de expedientes, dende a oposición esiximos a dotación de maior persoal para o servizo. Dende o goberno municipal, sempre se respostou con evasivas, ou con que o Concello non tiña capacidade para contratar. Todas as decisións tomadas por Teresa París, e por Javier Bas na área de Servizos Sociais, foron erradas, caprichosas e personalistas. Xa pedimos no seu momento que o alcalde cesara á concelleira pola súa incapacidade”, afirma Xoán Carlos González

Salienta, que dende o BNG sempre se fixo especial seguimento da dinámica de traballo neste departamento. “Tentamos actuar coa máxima discreción, pois poñelo na batalla política, non podía máis que incidir no deterioro do servizo. Mais despois de catro anos, e tras esta iniciativa caprichosa e personalista do goberno de Javier Bas non podemos permanecer calados”.

Afirma Xoán Carlos González, que restablecer o nivel de eficiencia, e calidade na atención a Servizos Sociais, vai converterse na prioridade do seu grupo, a partires do mes de maio cun novo goberno que o BNG aspira a liderar.

Xoan Carlos González, concelleiro do BNG en Redondela.

Para o BNG a reestruturación de Servizos Sociais, obedece ao capricho do alcalde Javier Bas.