O BNG de Redondela denuncia que o PP non asiste á Mancomunidade.
Xoán Carlos González acusa a AER e PP, “dunha campaña de difamacións ante a nosa proposta de buscar unha solución á problemática”
08 abr. 2024 - 09:56
A constitución da Asemblea da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, confirmou o sospeitado pola organización nacionalista ao inicio do mandato, que o Partido Popular non ía asistir a estas xuntanzas en representación de Redondela. “Despois de seis anos sen presentarse, os populares seguen renunciando a dar voz aos e ás redondelás, seguindo as directrices marcadas dende Compostela”.
Tralas eleccións municipais, o BNG quixo remediar esta carencia propondo que outra forza política asumira a correspondente ao PP. “Co noso plantexamento remediaríase en parte a carenza destes últimos anos”, recorda o voceiro nacionalista Xoán Carlos González.
“Tras unha campaña chea de difamacións por parte do PP e de AER, malia que sabiamos o que ía acontecer, decidimos desbloquear a negociación”, sinala.
Responsabiliza o edil nacionalista a Javier Bas a renunciar a darlle unha voz máis a Redondela neste ente. “Por ocupar un posto de libre designación na Deputación, sométese aos intereses partidistas”, recalca.
“Agora volvemos a atoparnos na situación que pretendemos arranxar hai nove meses, que Redondela contara cos cinco membros da Mancomunidade”, sinala o voceiro nacionalista. Ante as campañas de acoso de AER e do PP, destaca a “madurez coa que está a actuar o BNG, cando desbloqueamos aqueles acordos, defendendo intereses que afectan a distintos concellos”. Compromete o seu esforzo para seguir actuando en aras de iniciativas beneficiosas para os nosos concellos.