As declaracións de Javier Bas, confirman que o saneamento nunca foi a súa prioridade.

As declaracións de Javier Bas, confirman que o saneamento nunca foi a súa prioridade.

Cando remata o ano, o alcalde anuncia obras en sete parroquias como o grande referente de inversión en saneamento. Para o BNG, Javier Bas recoñece, a falla de interese do seu goberno nunha infraestrutura prioritaria para as parroquias de Redondela

O anuncio de Javier Bas, semella máis “un discurso de fin de ano, no que se concede graciosamente este equipamento a parte dalgunhas parroquias, que unha defensa decidida polo medre do mesmo”. Confírmase que o goberno de Javier Bas, nunca tivo como prioridade a extensión do saneamento a todas as vivendas do concello de Redondela.

A inversión de 455.000€, corresponde a obras en diferentes parroquias: Cabeiro, Negros, Cedeira,... Aparentemente unha inversión “importante”. Mais vendo os proxectos, destaca que case a metade, 216.000€ destinaranse á renovación do saneamento e abastecemento na rúa Espírito Santo no casco urbano de Redondela. Polo tanto, a inversión para que se estenda a rede de saneamento a máis vivendas redúcese, pois, a pouco máis da metade desa partida.

Para o BNG, o anunciado polo goberno de Javier Bas, confirma que nos diferentes orzamentos aprobados, primeiro coa abstención de AER, e despois do PSOE, priorizaron outras inversións máis “gustosas electoralmente”, que un equipamento básico na conformación dun concello como o de Redondela.

Demóstrase así o afirmado polo Grupo Municipal do BNG, en canto, que a inversión media nestes últimos anos reduciuse drasticamente. Responsabilizamos directamente ao alcalde Javier Bas, da “alarmante redución da inversión no saneamento durante o presente mandato”.

Lembramos que a presenza do BNG no goberno de Redondela, aseguraba unha media de inversión de 600.000€. anuais. “Cambiar radicalmente a estratexia do PP, de converter o saneamento en infraestrutura secundaria, depende dos veciños e veciñas. Dende o Bloque Nacionalista Galego, imos seguir considerando o saneamento como unha infraestrutura prioritaria en calquera acción de goberno”.

As declaracións de Javier Bas, confirman que o saneamento nunca foi a súa prioridade.