Moción do BNG sobre o servizo de subministro eléctrico en Redondela.

Moción do BNG sobre o servizo de subministro eléctrico en Redondela.

Dende hai décadas a empresa Fenosa, máis tarde Unión Fenosa, e actualmente Gas Natural Unión Fenosa, encargouse da xeración e distribución de enerxía eléctrica en Galiza, e en grande parte do estado español.

Fenosa, créase a mediados dos anos corenta, dunha fusión forzada entre dúas empresas do sector, da Coruña: Fábrica de Gas y Electricidad, propiedade de Pedro Barrié, e de Electra Popular Coruñesa, propiedade de José Miñones, fusilado pola súa simpatía coa República.

Eran os tempos da ditadura, facéndoselle encargo a esta empresa de xerar e distribuír a electricidade. A pesares desta encomenda, non foi ata ben entrados os anos oitenta, que se conseguiu unha “total distribución en Galiza” do subministro eléctrico.

As diferentes fusións, que culminaron no ano 2009 coa creación de Gas Natural Unión Fenosa, constitúen un dos paradigmas de deslocalización máis evidentes de empresas creadas orixinariamente en Galiza.

Redondela, ten sufrido a pegada de Unión Fenosa dende hai décadas. Os montes do concello están atravesados por numerosas liñas eléctricas, sendo paradigmático o caso da parroquia de Quintela, cruzada por varias de media e alta tensión. Ou o caso dun espazo de alto valor arqueolóxico, como o de Monte Penide, onde a instalación das torretas esgazou algúns petróglifos da zoa. No casco urbano de Redondela, Cesantes, Chapela, existen numerosas instalacións, que na actualidade áchanse mal ubicadas.

Xa en xullo de 2014, dende o Bloque Nacionalista Galego, denunciouse un importante corte de subministro que afectou ás parroquias de Saxamonde e Negros, e parte de Quintela, Vilar e Cabeiro. Solicitouse información ao goberno municipal sobre os motivos, e dilixencias tomadas, sen que houbera ningún tipo de resposta. En novembro do mesmo ano, volveu a producirse un novo fallo, afectando neste caso, a unha importante parte do casco urbano de Redondela, Reboreda e Cesantes. Como daquela, a calada foi a resposta do goberno municipal, ante as demandas de explicacións.

No 2015, as cousas parece que van seguir polo mesmo camiño. O domingo 17 de xaneiro, producíronse varios fallos no subministro afectando a vivendas e alumeado público na parroquia de Saxamonde. Restableceuse para as casas, manténdose o público sen luz toda a noite, nos barrios de O Souto e Padrón. Na noite seguinte volveu a producirse un novo corte que afectou durante uns minutos a grande parte de Saxamonde, Quintela, Negros e Cedeira.

Segundo a lexislación actual a continuidade no subministro vén determinada polo número e a duración das interrupcións. As interrupcións poden ser imprevistas ou programadas, para permitir a execución de traballos programados na rede, en cuxo caso os consumidores e consumidoras deben ser informados dos mesmos.

A determinación da continuidade do subministro, determinado polas interrupcións do mesmo, baséase en dous parámetros: o tempo de interrupcións e o número de interrupcións. A empresa estará obrigada a que as interrupcións non superen os tres minutos, para o cal debe xestionar diversas compensacións.

O concello de Redondela, cuarto concello da provincia, recibe un servizo moi deficiente no subministro eléctrico, sen que o goberno municipal estea á altura das circunstancias, gardando silencio, e deixando correr o tempo.

O concello de Redondela, e os veciños e veciñas, pagan escrupulosamente os recibos da empresa Gas Natural Unión Fenosa . Os usuarios e usuarias, e o propio Concello, deben sufrir as continuas subas e baixas no recibo da luz, sen poder facer nada.

Como cuarto concello da provincia, constitúe esta unha situación moi deficiente, á que se lle debe poñer solución de xeito inmediato.

Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG, propón ao Pleno da Corporación de Redondela, a adopción dos seguintes ACORDOS:

  1. Instar a que o alcalde de Redondela, esixa da empresa Gas Natural Unión Fenosa, a resolución definitiva dos continuos cortes de enerxía eléctrica.
  2. Esixir do alcalde do Concello de Redondela, que negocie coa empresa Gas Natural Unión Fenosa, medidas compensatorias para os cortes no subministro.
  3. Instar a que o alcalde de Redondela poña en marcha todos os mecanismos, nos que se informe a veciños e veciñas dos modelos de reclamación por fallos no subministro nas vivendas.

En Redondela, 23 xaneiro de 2015

Asdo. Xoán Carlos González Campo

10433779_749991805050451_7182304936983745905_n

Moción do BNG sobre o servizo de subministro eléctrico en Redondela.