MOCIÓN SOBRE A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS DE LIMPEZA DO CONCELLO DE REDONDELA

MOCIÓN SOBRE A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS DE LIMPEZA DO CONCELLO DE REDONDELA

 

O concello de Redondela  nos últimos anos fixo un importante esforzo dotando aos servizos que presta de persoal municipal suficiente  para poder levalos a cabo en condicións dignas. Estes traballadores  e traballadoras demostraron  a súa capacidade e eficacia nos labores que desenvolven no dia a dia co obxectivo de que o seu traballo repercuta nunha mellora da calidade de vida dos veciños/as do noso concello.

Nos últimos días tivemos coñecemento de que o equipo de goberno iniciou o expediente para privatizar a limpeza da praza de abastos de Redondela e de que unha empresa privada estivo facendo traballos de mantemento nos  xardíns municipais na parroquia de Chapela.

Puidemos comprobar tamén como se contratou unha empresa privada para levar a cabo unha parte do servizo de limpeza das rúas despois do entroido de verán .

Pouquiño a pouquiño e pola porta de atrás este equipo de goberno leva un ano contratando con empresas privadas servizos que prestaba directamente o concello: limpeza de rúas,   a cabalgata de reis , arranxo de xardins, podas….

Con estas medidas o equipo de goberno crea unha incerteza nos traballadores/as  municipais que neste momento teñen serias dúbidas sobre o seu futuro laboral e ao mesmo tempo semella que vai aplicar ao pé da letra a doutrina do PP estatal: desmantelamos o público para beneficio do privado.

Polo exposto anteriormente o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego solicita a adopción do seguinte acordo:

 

-         O Pleno do Concello de Redondela pronunciase en contra da privatización de servizos que se prestan con persoal municipal e polo tanto o concello manterá a xestión directa en todos os servizos que se prestan por este sistema.