MOCIÓN A PROL DOS DEREITOS DAS PERSOAS LESBIANAS, GAIS, BISEXUAIS E TRANSEXUAIS

MOCIÓN A PROL DOS DEREITOS DAS PERSOAS LESBIANAS, GAIS, BISEXUAIS E TRANSEXUAIS

O 28 de xuño é o Día Internacional da Liberación LGBT (lesbianas, gais, bisexuais e transexuais) data na que cada ano os colectivos LGTB conmemoran os disturbios de Stonewall (New York, 1969), que marcan o inicio do movemento de liberación homosexual, loita social que reivindica a dignidade e a igualdade das persoas, sexa cal for a súa orientación ou identidade sexual.

Con motivo do Día Internacional polos dereitos das persoas lésbicas, gais, bisexuais e transexuais, é preciso que as institucións democráticas manifesten o seu apoio ás reivindicacións da comunidade LGBT .

O compromiso coa consecución da igualdade a todos os efectos das persoas LGBT non debe consistir só na adhesión e apoio pasivo ás reivindicacións destes colectivos, senón que sería unha falta de responsabilidade política cara ao conxunto da cidadanía non actuar implementando medidas activas que persigan o fin da discriminación pola orientación sexual, cos obxectivos de educación na igualdade e no respecto e a posta en valor da diversidade, no apoio as persoas vítimas de discriminación, na colaboración coas asociacións LGBT, etc, con fin de conseguir unha sociedade máis xusta, baseada no respecto e na igualdade de todas as persoas.

Malia que os avances lexislativos foron notábeis, na sociedade actual a homofobia sigue existindo como manifestación cruel e discriminatoria. Asemade, hai ámbitos onde os dereitos das persoas LGBT non están plenamente equiparados aos do resto da cidadanía.

Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO

1. Instamos do Goberno da Xunta de Galiza que garanta o dereito á protección da saúde das persoas transexuais, incluíndo o tratamento clínico integral de reasignación de sexo no catálogo de prestacións sanitarias do Servizo Galego de Saúde. 

2. Instamos ao Goberno da Xunta a promover un ensino laico e de calidade que facilite un contorno seguro no que os fillos e fillas de parellas homoparentais poidan vivir abertamente a súa realidade familiar, incidindo no respecto a diversidade desde a ensinanza pública. 

3. Manifestamos o compromiso do noso Concello a contribuír á integración e á normalización da comunidade LGBT, para garantir o dereito de todas as persoas a ser tratadas con respecto independentemente da súa orientación ou identidade sexual.

MOCIÓN A PROL DOS DEREITOS DAS PERSOAS LESBIANAS, GAIS, BISEXUAIS E TRANSEXUAIS